+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

Baiona rexistrou un 100% de ocupación hoteleira durante a ponte de agosto


Os establecementos hostaleiros da Vila colgaron o cartel de completo durante os catro últimos días

Ocupación hoteleira do 100 por cen e establecementos de hostalería abarrotados durante a ponte de Santa María. Baiona colgou o cartel de completo os últimos catro días cunha afluencia masiva de visitantes e peregrinos para acadar os maiores niveis de ocupación de todo o verán.

As previsións cumpríronse e Baiona rexistrou un cheo total durante a ponte de agosto. Rúas, praias, barcos ás Cíes e Camiño Portugués pola Costa viviron unhas xornadas de máxima ocupación ás que houbo que engadir os festexos de Santa Marta e as múltiples actividades gratuítas da programación do BaiVerán 2017.

A nosa constante aposta pola calidade fai que non só cheguen novos visitantes a Baiona senón que aqueles que xa nos coñecen volvan elixir como destino vacacional”, apunta a concelleira de Turismo, Beatriz González.

Os datos rexistrados na Oficina de Turismo indican un importante incremento dos visitantes durante os catro últimos días. Na pasada ponte da Asunción, un total de 2.856 persoas pasaron pola oficina, fronte aos 2.402 no mesmo período de 2016.

No referente ao Camiño Portugués pola Costa, e pese a que as instalacións municipais de información non están enclavadas no paso da ruta xacobea pola Vila, o número de peregrinos que se achegaron ata oficina durante os sete primeiros meses do ano foron un total de 1.708, dato xa superior ao cómputo total do ano 2016, cando foron 1.640.

Os mesmos datos indican que o porcentaxe de estranxeiros é do 75 por cento (principalmente de Portugal, Alemaña, Polonia, Italia e Irlanda) fronte ao 25% nacional. Un dato moi importante é que o 36% dos peregrinos pernoctaron en Baiona.

Santa Marta e Baiverán

Ademais, os visitantes que acudiron estes días a Baiona puideron desfrutar das festas de Santa Marta e de actuacións como a de a Banda de Música de Baiona. Dentro da programación BaiVerán 2017, deseñada pola Concellería de Cultura, tamén houbo diferentes actuacións gratuítas, dende os espectáculo de Rock de Mitic na Praza do Concello e o concerto “Mesteño” de Diego Pacheco, ata cine ao aire libre e o concerto de La 33 Band “Tributo a Mecano” a noite do martes.

Rutas guiadas gratuítas

Por outra banda, a Concellería de Turismo continúa mañá coa iniciativa “Xoves no Camiño”, programa para dar a coñecer o paso do Camiño Portugués pola Costa por Baiona, agora ampliado ata a igrexa de Santa Cristina de Sabarís tras a boa acollida por parte dos participantes.

As visitas habituais polo centro histórico da Vila se manteñen os mércores e sábados, ás 11:00 horas, dende a Oficina de Turismo, gratuítas e sen inscrición previa. Ademais, todos os xoves ás 10:00 horas (ata o 31 de agosto) o Concello organiza a ruta “Xoves no Camiño”, con saída dende a Oficina de Turismo. O percorrido é en dirección á Praza de Santa Liberata e continúa o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, rúa Conde e O Burgo ata a praza Vitoria Cadaval de Sabarís e a igrexa de Santa Cristina.

A duración aproximada da ruta é de 1 hora e 45 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros. A dificultade é baixa e as prazas limitadas, polo que para esta visita si será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67).

VII Ciclo de Conferencias de Baiona

Por último, a Capitanía Marítima de Baiona acolle este xoves (20:30 horas), 10 de agosto, a sétima charla do VII Ciclo de Conferencias organizado polo Concello de Baiona. Neste caso o relator será Francisco Bastida, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Oviedo, quen abordará o tema “A reforma da Constitución”.

Deja un comentario