+034 986 09 02 04 Martes 20 de Febreiro de 2018

A VECIÑANZA DE MIRÓN CELEBRA CO SEU II XANTAR POPULAR A UNIDADE DE TODO O POBO


O evento naceu como mostra de agradecemento dos residentes no lugar de Pozo Vedro pola súa admisión na Comunidade de Montes

Mirón é un pobo unido. Os veciños deste núcleo de Ponte Caldelas, pertencente á parroquia de Tourón, celebraron onte a segunda edición do seu Xantar Popular, que naceu como mostra de agradecemento dos residentes das catro casas do lugar de Pozo Vedro pola súa admisión na Comunidade de Montes tras varios anos demandándoo.

Case 130 veciños e veciñas xuntáronse na carballeira de Mirón, unha das máis fermosas de Ponte Caldelas, para celebrar a unidade. Ao acto acudiu o alcalde, Andrés Díaz Sobral, invitado pola veciñanza en recoñecemento, tamén, aos traballos de limpeza e acondicionamento da carballeira, onde o Concello vén de restaurar completamente o seu fermoso valado de madeira.

O xantar está organizado por un grupo de persoas que lembran que, a pesar de pertencer a Mirón, os residentes en Pozo Vedro vían como se lles negaba a condición de comuneiros, pero só para a xestión dos montes, pois xa estaban integrados na comunidade de augas. O nomeamento da actual directiva, con xente nova, desbloqueou a situación. A día de hoxe, xa son 8 as vivendas na zona de Pozo Vedro e a armonía é total.

Andrés Díaz, en nome de todo o Goberno local de Ponte Caldelas, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, recalcou a importancia de que a veciñanza estea ben organizada e activa para traballar a favor de cada un dos 33 pobos que conforman o municipio de Ponte Caldelas. Ademais, engadiu, iso facilita unha correcta interlocución co Concello, baseada directamente na democracia, sen “conseguidores”, nin intermediarios partidistas, como había ata hai ben pouco. “A nós gústanos decidir as obras con todos os veciños en asemblea aberta e gústanos axudar a fixar prioridades e iso é moito máis fácil cando a voz é colectiva”, engadiu.

O alcalde declarouse encantado do exemplo que está a dar Mirón, un pobo de menos de 200 habitantes (aínda que non todos están empadroados e algúns só residen no verán, entre os que destaca a comunidade brasileira) coa celebración dun acto popular que non responde a ningunha festa relixiosa, senón a unha exaltación da amizade e da unión dos que comparten identidade territorial.

O Xantar Popular, á sombra dos carballos, onde a elevada temperatura notábase menos, deu boa conta dos manxares elaborados polos propios veciños e así consumíronse empanadas, chourizo, churrasco, patacas enrugadas e, finalmente, doces caseiros.

Deja un comentario