+034 986 09 02 04 Venres 14 de Agosto de 2020

A Xunta concede 440.000 euros a homes que reducen a súa xornada laboral para coidar dos seus fillos e fillas menores


A medida pretende fomentar a corresponsabilidade e impulsar o cambio dos roles, implicando aos varóns na atención e o coidado dos seus fillos e fillas

O DOG publica a concesión das axudas aos traballadores que reducen a súa xornada laboral para coidar dos seus fillos ou fillas menores de tres anos ou de 12, no caso de que o menor teña algún tipo de discapacidade.

En total, en 2014 houbo 215 persoas beneficiarias, un 25 por cento máis que o ano pasado; que recibiron 440.116 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Este orzamento supón tamén un incremento do 17,5 por cento respecto ao pasado exercicio, onde foi de 375.000 euros. A subvención media deste ano foi de 2.048 euros.

Das 215 axudas, 177 corresponden a homes e 38 a mulleres, xa que as axudas tamén podían solicitarse por parte de familias monoparentais, independentemente de que a persoa responsable da unidade familiar fose un home ou unha muller.

Por provincias, a máis beneficiada foi a da Coruña, con 126 persoas beneficiadas -108 homes e 18 mulleres-; seguida das de Pontevedra, con 62 -49 homes e 13 mulleres-; Lugo, con 15 -once homes e catro mulleres-; e Ourense, con 12 -nove homes e tres mulleres-.

Impulsar o cambio de roles
O obxectivo destas subvencións de Igualdade é fomentar a corresponsabilidade e impulsar así o cambio dos roles diferenciados entre mulleres e homes, implicando a estes últimos na atención e o coidado dos seus fillos e fillas.

Neste contexto, as axudas supoñen un apoio económico para aqueles traballadores que reduzan a súa xornada a estes efectos, ao tempo que favorecen tamén a permanencia no mercado laboral das mulleres traballadoras con responsabilidades familiares.

Desde o ano 2007, cando a Secretaría Xeral da Igualdade iniciou esta liña de axudas, xa se teñen beneficiado delas 1.349 homes e 445 mulleres, nais de familias monoparentais.

Deja un comentario