+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

UXÍO ABUÍN E CARMELA CARDAMA GAÑAN A 33ª CARREIRA PEDESTRE POPULAR “ANDAR E CORRER”


Case 2.000 participantes na tradicional proba organizada polo Concello de Baiona

O triatleta Uxío Abuín é o novo rei de Baiona tras conquistar por terceira vez no último lustro a Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr”. O de Lestrove convértese así no segundo corredor máis laureado da proba organizada polo Concello de Baiona e tan solo superado por Carlos Adán, que conta con catro vitorias. Na categoría feminina a gañadora esta vez foi a viguesa Carmela Cardama.

Baiona foi este domingo de novo a capital galega das carreiras populares coa 33ª edición de “Andar e Correr”. Preto de 2.000 corredores se deron cita na Vila para participar un ano máis nunha proba que xa é unha clásica do calendario do verán galego. Dende primeira hora da mañá, os máis pequenos encheron o parque da Palma para disputar as probas das categorías infantís.

O bo tempo acompañou aos corredores dende a porta do Parador Conde de Gondomar no seu percorrido polas rúas baionesas. Uxío Abuín non deu marxe á sorpresa e no seu trazado polas rúas do Casco Histórico de Baiona xa impuxo un ritmo suficientemente alto para saír da zona vella con varios segundos de avantaxe sobre Liébanas.

A proba discorreu na súa meirande parte polo Camiño Portugués da Costa, declarado oficialmente hai xustamente un ano, e os corredores pasaron por diante de monumentos emblemáticos como o cruceiro da Santísima Trinidade, Santa Liberata ou a rúa Conde.

O punto clave foi outra vez a dura subida de San Antón, momento no que a proba rompeuse definitivamente e as distancias entre a cabeza e os perseguidores fíxose insalvable. Dende Baredo, o triatleta de Lestrove descendeu pola estrada da Guarda e o Rompeolas para entrar triunfante no parque da Palma cun tempo de 30’44’’, case que tres minutos menos que Antonio Liébanas (33’03’’) e Daniel Pérez (33’31’’).

En categoría feminina, Carmela Cardama fixo un tempo de 36’20’’, moi por diante de Leticia Fernández (41’36’’) e Mónica Novoa (43’00’’). Na categoría de baioneses, venceron Antonio Liébanas e Elena Ribeiro. Entre os participantes tamén estaban o alcalde, Ángel Rodal, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

A proba, organizada polas concellerías de Deportes e Actividades Marítimas de Baiona, contou cun total de 150 voluntarios. A entrega de premios celebrouse no paseo da Ribeira.

Deja un comentario