+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

BAIONA RECIBE AO CAPITÁN DO EQUIPO UNIVERSITARIO NA LIGA NACIONAL DE ESPORTS


O baionés Javier Carrera proclamouse subcampión de España de “League of Legends” na liga universitaria

O Concello de Baiona ofreceu unha recepción a Javier Carrera Rodríguez, capitán do equipo universitario “Thunders Uvigo” que este ano proclamouse subcampión de España de “League of Legends” na liga nacional de eSports (deportes electrónicos) na que participaron un total de 32 universidades.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, recibiu ao veciño da Vila e estudante de Ciencias Mariñas na Universidade de Vigo despois de que acadara o pasado mes de xuño o segundo posto na final da liga universitaria de eSports “OGSeries University” celebrada no Polideportivo Antonio Magariños de Madrid.

Rodal animou a Javier Carrera, alcumado no equipo como “Gravity”, a continuar coa súa iniciativa ao fronte do equipo e a representar a Baiona. “É un honor para a Vila que un dos nosos veciños alcance os maiores éxitos nun campo tan especializado como os videoxogos”, apuntou o rexedor.

Aos seu 20 anos e cursando terceiro curso de Ciencias Mariñas, Carrera foi o impulsor do equipo “Thunders” e logrou captar a varios estudantes da Universidade de Vigo para participar nas ligas nacionais.

Despois de varias rondas clasificatorias o equipo universitario foi subcampión de España de “League of Legends” na final da liga universitaria de eSports –OGSeries University- celebrada no Polideportivo Antonio Magariños de Madrid. “Chegamos con moitas forzas tras vencer aos Stingrays de Valencia, pero tamén conscientes de que a batalla non ía ser doada. Pese a todo, estamos moi satisfeitos, xa que foi unha experiencia fantástica”, explica Javier Carrera.

Xunto a “Gravitiy”, o quinteto vigués está composto por Mario González, coñecido no universo virtual como “Yurneros”, que este curso rematou Enfermería; o estudante de Enxeñaría Informática Pablo González Peiboll; o alumno de Enxeñaría de Telecomunicación, Iago Pallares “Epsyle” e Pablo Vilaboa “Speiwalker”, que cursa Enxeñería Mecánica.

Deja un comentario