+034 986 09 02 04 Sábado 23 de Xuño de 2018

TURISMO DE GALICIA E O CONCELLO DA LAMA IMPULSARÁN MELLORAS NA CONTORNA DA PRAIA FLUVIAL DE PONTE VERDUGO


Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde da Lama, Jorge Canda, que inclúe a creación dun aparcadoiro e melloras nos servizos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde da Lama, Jorge Canda, para impulsar melloras na contorna da praia fluvial de Ponte Verdugo, un dos atractivos turísticos deste concello pontevedrés, do que numerosas persoas puideron gozar durante o verán.

Segundo explicou Nava Castro, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, estes traballos contribuirán á adecuación deste espazo natural, no que se creará tamén un aparcadoiro. O acordo inclúe un conxunto de accións que organizan e regulan os accesos e melloran a experiencia dos usuarios.

“Queremos ser os mellores anfitrións e por iso impulsamos convenios como o asinado hoxe co Concello da Lama, que suporá melloras nas súas infraestruturas”, declarou a directora de Turismo. Ademais, lembrou que cando se executan este tipo de intervencións, “os primeiros beneficiados son os veciños”, pois o turismo “non é só unha cuestión de turistas chegados doutras comunidades e países, senón tamén de galegos que viaxan pola súa Comunidade para coñecer así paisaxes e comarcas das que escoitaron falar, pero que aínda non viron”.

Calidade do destino

Neste sentido, Nava Castro manifestou a total colaboración do seu departamento da Xunta cos concellos galegos, a través de distintas liñas de subvencións e convenios, para axudar a potenciar os seus recursos turísticos. Esa colaboración, precisou, “é clave para acadar entre todos os obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020”, a folla de ruta que antepón a calidade e a sustentabilidade como principios dun destino tranquilo do que gozar sen présas.

Á espera dos datos definitivos do verán, Nava Castro sinalou que o balance provisional do sector apunta aspectos moi positivos tanto na cifra de turistas, como na de pernoitas o nos prezos, que permitiron mellorar a rendibilidade. “Impórtannos os números, non podería ser doutra maneira porque nos importa o desenvolvemento e o benestar dos galegos”, subliñou a directora, quen salientou que sobre todo “importa que Galicia continúe sendo un destino de calidade, apreciado polos que xa viñeron e decidiron volver ao sentirse como na súa casa”.

Deja un comentario