+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

A Xunta inviste preto de 800.000 euros nun Centro de Día que mellorará a calidade de vida das persoas maiores de Cambados


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron esta mañá as obras do edificio

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron as obras do que será o futuro Centro de Día de Cambados, unha infraestrutura na que o Goberno galego fai un importante investimento de case 800.000 euros.

Rueda destacou a colaboración dos concellos co Goberno galego, que resulta “fundamental” no compromiso pola calidade de vida das persoas maiores e dependentes, xa que son eles os que coñecen de primeira man as necesidades dos seus veciños e veciñas. Neste caso, ademais, foi o concello o que cedeu gratuitamente o edificio do antigo matadoiro de San Tomé, que se está a rehabilitar.

A actuación inscríbese na aposta da Xunta de Galicia por poñer máis e mellores servizos a disposición dos galegos e galegas e, especialmente, para aqueles que máis atención precisan, como é o caso das persoas maiores. Por iso, a Xunta segue a incrementar as prazas públicas de atención a este colectivo en toda a Comunidade.

Este tipo de centros poñen a disposición das persoas dependentes e das súas familias servizos profesionais e de calidade. O seu obxectivo é prestar atención aos maiores e, ao mesmo tempo, preservar a súa autonomía persoal durante o máximo tempo posible. Con este fin, está previsto que o centro cambadés oferte unhas 40 prazas.

Segundo destacou Rueda, a Xunta está convencida de que o camiño da cooperación entre administracións redunda directamente en beneficios para os cidadáns e por iso desde o Goberno galego seguiremos colaborando en todos os ámbitos, “sumando esforzos para ser máis eficientes e ofrecer mellores servizos”.

Deja un comentario