+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

NAIS E CONCELLO IMPIDEN A SAÍDA DUN AUTOBÚS ESCOLAR CON MÁIS NENOS QUE PRAZAS


 Por terceiro día consecutivo, Monbús pretendía enviar os nenos/as do CEP Altamira da parroquia de Picoña e parte de San Xurxo nun microbús con capacidade insuficiente para o alumnado

Tanto o luns como o martes os cativos viaxaron sentados de tres en tres en cada dous asentos, feito que pretendía volver repetirse hoxe mércores. Sen embargo, dende o Concello xa se tiña avisada a Policía Local para que non permitise a saída do autobús nesas condicións, e o mesmo fixeron un grupo de nais da parroquia, así como compoñentes da directiva da ANPA e a mesma Concelleira de Ensino Tere Pérez, que se presentaron na saída do colexio dispostas a defender a seguridade dos seus fillos e fillas.

 Ante esta situación, a empresa optou por facer unha doble viaxe, facendo a primeira saída cos nenos das paradas de Outeiro e Condide. Mentres tanto, o resto de cativos agardaron no colexio baixo o coidado de persoal docente do centro, que se encargou da vixianza dos mesmos ata a chegada da segunda viaxe que os levou á súa casa.

 Tere Pérez, Concelleira de Ensino: “Consideramos de extrema gravidade o que estivo acontecendo estes dous días, e non imos consentir que se repitan este tipo de situacións. A empresa terá que mandar un autobús con capacidade suficiente para atender o alumnado de cada unha das rutas, pois tampouco é de recibo deixar a case unha vintena de nenos e nenas agardando no colexio a que veña o autobús de volta a recollelos”.

 Dende a entrada en vigor do novo Plan de Transporte, o Concello de Salceda leva dado innumerables pasos na defensa dos intereses dos veciños e veciñas do municipio, que viron drasticamente reducidas as frecuencias de autobuses para desprazarse a Vigo ou a Tui. Onte mesmo o Salón de Plenos do Concello de Salceda de Caselas acolleu a xuntanza convocada polo Equipo de Goberno cos representantes das asociacións de veciños, xubilados, ANPAS e outras persoas afectadas polos cambios producidos no sistema de transporte público.

O Alcalde Marcos Besada, acompañado polas Concelleiras Tere Pérez e Carla Pérez, fixo unha exposición da situación actual, atopándose con un absoluto descoñecemento por parte dos colectivos. Así mesmo, o Concello deu conta dos pasos dados ante a Xunta para defender os intereses dos veciños e veciñas de Salceda ante o que consideran un atropelo nunca antes visto no que a mobilidade se refire, con numerosos escritos enviados á Dirección Xeral de Mobilidade solicitando a reposición das liñas retiradas así como o aumento de frecuencias das mesmas. Na reunión cos diferentes colectivos acordouse iniciar acción conxuntas na defensa do servizo de transporte público en Salceda, que se irán materializando nos vindeiros días.

Deja un comentario