+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019

O CONCELLO DE PONTE CALDELAS RECUPERA O TRAMO DO CAMIÑO DO PAI SARMIENTO AO SEU PASO POR TABOADELO


Limpou e acondicionou un treito de case dous quilómetros da ruta histórica que cruza todo o municipio entre Soutomaior e Pontevedra

O Concello de Ponte Caldelas vén de acondicionar o histórico camiño do Pai Sarmiento, na parroquia de Taboadelo. Un sendeiro empedrado no tramo máis próximo ao núcleo rural e que transcorre entre fragas, ladeira abaixo, ata rematar na ponte do Canedo, case na confluencia entre os ríos de San Vicente e o Verdugo.

O camiño, que data cando menos do século XVIII, foi percorrido e mencionado polo frade e aparece vinculado ao Camiño de Santiago, pois atravesa todo o termo municipal de Ponte Caldelas dende Soutomaior ata Pontevedra, cruzando Silvoso, Taboadelo, Xustáns e A Reigosa. Nas súas beiras, á parte de vexetación de gran valor ecolóxico e paisaxes moi fermosos, consérvanse tramos completos de muros bicentenarios.

O tramo que vén d e ser acondicionado ten unha lonxitude próxima aos dous quilómetros e une o barrio doe Entreido, na parte baixa de Taboadelo, coa chaira na que se atopan os célebres muíños de Taboadelo, un espazo inundable no que conflúen as dúas arterias fluviais. O Camiño do Pai Sarmiento atravesa este fermoso espazo e cruza o Verdugo cuns pasos de pedra, derrubados parcialmente dende hai moitos anos.

O Concello limpou o itinerario de broza e maleza invasora, toda vez que xa tiña pechados varios puntos. Tamén se eliminou vexetación do seu piso, especialmente no primeiro tramo enlousado para facilitar o paso dos carros.

O alcalde, Andrés Díaz, visitou o lugar acompañado do vicepresidente da comunidade de Montes, Manuel Ares, e ambos comprobaron o bo resultado dunha actuación que, aínda que modesta, constitúe unha mellora apreciada pola veciñanza, pois este paso continúa a ser moi utilizado tanto para o acceso a varias fincas como para o lecer.

O rexedor destacou a beleza desta ruta, que comunica con outros sendeiros do municipio e permite continuar cara O Verdugo, Parada ou Xustáns. Pola súa banda, Manuel Ares subliñou que os máis vellos de Taboadelo lembran como este camiño aínda se utilizaba non hai moito para ir a Redondela. Ao tempo, destacou que na chaira dos muíños de Taboadelo celebrouse unha festa popular ata o ano 2008 que contaba cunha gran afluencia e que contaba con postos de todo tipo de artes tradicionais.

O Goberno local caldelán, apoiado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, que está a facer unha aposta importante pola preservación deste tipo de camiños estudará tamén como actuación para o futuro a posibilidade de restaurar os fermosos pasos do río Verdugo nesta zona, onde tamén se conserva un precioso enlousado para os carros no leito do río. Non obstante, adiantou o alcalde, haberá que localizar previamente as pedras que faltan.

 

Deja un comentario