+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

O CONCELLO DE BUEU MELLORA A SINALIZACIÓN DA CAPELA DOS SANTOS REIS E DA IGREXA DE CELA


A actuación, cun orzamento de 3557,40 €, foi levada a cabo cunha subvención da Deputación de Pontevedra

O Concello de Bueu vén de instalar dous paneis interpretativos na Igrexa de Santa María de Cela e na Capela dos Santos Reis, con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra para sinalización de patrimonio histórico cultural e a memoria histórica do 2016. O importe destas actuacións ascendeu a 3557,40 €, e os traballos foron realizados pola empresa Estela, Loxística e Proxectos S.L.

Este proxecto tiña como obxectivo afondar na información deste pasado medieval e moderno de Bueu, mediante a interpretación de dous lugares de grande interese patrimonial, a igrexa de Cela e a capela dos Santos Reis, medieval a primeira e contemporánea a segunda, pero edificada no lugar dunha antiga capela moderna. Ambas construcións están catalogadas no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural.

Capela dos Santos Reis

A capela orixinal data do ano 1686, cando Fernando de la Rúa y Freire a funda. Trátase dun dos poucos templos en toda a cristiandade dedicado aos Santos Reis, xunto coa catedral de Colonia. Desta antiga capela do século XVII pouco coñecemos; sábese que era moi rica en figuras, tanto polas conservadas desa época, reaproveitadas na capela actual, como polas que acabaron en fachadas de diversas casas de Bueu.

A capela actual foi inaugurada o 4 de outubro de 1953 e foi deseñada integramente por Urbano Lugrís, cun tema de fondo, o mar, como así amosa o arco de entrada á mesma, con vieiras, áncoras e diversos elementos marítimos. Lugrís chegaría incluso a deseñar o retablo da capela, que se elaborou no obradoiro dos famosos irmáns Rivas, de Santiago de Compostela. Lamentablemente, na década dos 70 a capela quedou en ruínas, perdéndose boa parte das obras de Lugrís, incluído o retablo. Os deseños orixinais de Urbano Lugrís para a capela atópanse no Concello de Bueu.

Igrexa de Santa María de Cela

Esta fermosa igrexa románica é unha das poucas que se conservan no Morrazo. Non é doado que unha igrexa soporte sen moitas modificacións máis de 800 anos, como o caso de Cela.

A orixe da de Cela remóntase aos séculos XII e XIII, cando os cabaleiros hospitalarios de San Xoán contaban con diversas propiedades no Morrazo. A esta orde de cabalaría débeselle a fundación da igrexa, como así o amosa a súa marca identificatoria, unha cruz de oito puntas, presente no tímpano da igrexa.

Nos seus laterais sobresaen os famosos canzorros románicos, con temas singulares como cuadrúpedos de cabeza humana, aves, proas, flores, figuras humanas, etc.

Deja un comentario