+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

BAIONA REÚNE A CIENTÍFICOS DE TODO O MUNDO PARA TRATAR SOBRE OS AVANCES EN NEURO-REHABILITACIÓN


O Parador acolle durante toda a semana a Escola Anual e Simposio de Avances en Neuro-Rehabilitación

Científicos de todo o mundo danse cita durante toda esta semana en Baiona para participar no Escola Anual e Simposio de Avances en Neuro-Rehabilitación. O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, participou na xornada de apertura do congreso celebrada o pasado domingo no Parador Conde de Gondomar de Baiona.

O rexedor baionés deu a benvida a todos os participantes e celebrou que un ano máis os organizadores elixiran Baiona como sede do seu congreso. O simposio xa estivo no 2016, cando os participantes eloxiaron o enclave pola súa beleza e tranquilidade para celebrar as xornadas, e existen moitas probabilidades de que repitan no ano 2018. “Dende Baiona estamos moi orgullosos de que de novo podamos acoller a importantes científicos, é un gran noticia e demostra os encantos da nosa Vila”, sinalou Rodal.

A Escola Anual e Simposio sobre Avances en Neuro-Rehabilitación é un foro de debate e educación en profundidade sobre os procedementos avanzados cubrindo unha ampla gama de temas, desde os máis básicos ata altos niveis, incluíndo un eléctrodo avanzado e biosensor de deseño, modelos biomecánicos, mecatrónica, procesamento de bioseñais ou tecnoloxías de rehabilitación asistida.

Desde este luns ata o venres o Parador de Baiona acollerá as conferencias de expertos chegados desde universidades de todo o mundo, como Metin Akay (University of Houston), Oskar C. Aszmann (Medical University of Vienna), Christian Cipriani (The Biorobotics Institute Scuola Superiore Sant’Anna Pisa), Andrea d’Avella (Universita’ di Messina), Oscar Herreras (Instituto Cajal, CSIC), Marco Molinari (IRCCS Fondazione S. Lucia), Katja Mombaur (University of Heidelberg), Natalie Mrachacz-Kersting (Aalborg University), Jonathan R. Wolpaw (National Center for Adaptive Neurotechnologies Wadsworth Center. New York State Deparment of Health) ou Ulf Ziemann (Hertie Institute for Clinical Brain Research).

Organizado polo Instituto Cajal, o Centro Superior de Investigaciones Científicas e o Imperial College London, durante a súa estancia en Baiona os participantes tamén realizarán rutas guiadas pola Vila e a súa comarca.

Deja un comentario