+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A CULTURA MARIÑEIRA DE BERNARDINO GRAÑA PROTAGONIZARÁ O ROTEIRO LITERARIO DESTE SÁBADO EN CANGAS


Trátase do terceiro dos roteiros literarios cos que a área provincial de Cultura e Lingua, en colaboración coa AELG, dá a coñecer o patrimonio inmaterial da provincia a través dunha perspectiva literaria e cultural

As 50 prazas dispoñibles xa están cubertas

Na mañá de onte presentouse no concello de Cangas o terceiro dos roteiros literarios que a Deputación pon en marcha, en colaboración coa AELG, no marco das actividades do Ano do Patrimonio, e que terá lugar o vindeiro sábado 23 de setembro coa obra de Bernardino Graña como eixo central. O percorrido, que leva por título  ‘Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña’, estará guiado polo profesor e crítico literario Heitor Mera. Na presentación estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a alcaldesa en funcións de Cangas, Mercedes Giráldez, e o concelleiro de Cultura e guía do roteiro, Heitor Mera.

O deputado nacionalista sinalou durante a súa intervención que á hora de deseñar esta iniciativa “tratamos de poñer en valor o patrimonio literario das vilas onde se realizan os roteiros e tamén os escritores e escritoras escollidas e a súa obra”. Leal insistiu en que “o que queremos é potenciar a riqueza que temos concello a concello e comarca a comarca, e no eido da literatura e en Cangas era obvio que tiñamos que facer un roteiro sobre a cultura mariñeira e sobre a obra de Bernardino Graña”.  Xosé Leal tamén aproveitou para explicar que a escolla de Heitor Mera como guía do roteiro responde a que “é o maior especialista na obra de Bernardino Graña, xa non digo a nivel galego, eu diría que incluso a nivel mundial”. Lembrou que o concelleiro realizou a súa tese de doutoramento sobre a obra deste autor.

Pola súa banda, a alcaldesa en funcións, Mercedes Giráldez anunciou que as 50 prazas dispoñibles para participar no percorrido xa están cubertas “polo que será un éxito, tal e como foron tamén os dous roteiros anteriores que se celebraron na Illa da Memoria e en Tui”. Giráldez agradeceu á Deputación que incluíse Cangas nesta iniciativa cultural  e por “elixir un poeta do mar para unha vila mariñeira como é esta”.

 O roteiro

O punto de partida será a casa natal de Bernardino Graña, onde se comezará un paseo que Heitor Mera definiu como “un percorrido que abrangue todo o espazo vital do autor na vila”.
Así, tras a casa natal, o paseo continuará pola academia do pai, a Alameda, a Casa da Cultura, e a zona da Congorza. Mera indicou que para el é “unha gran responsabilidade guiar o roteiro” e asegurou que “irei do ganchete con outras persoas que tamén traballaron para darlle luz á obra de Bernardino”, en referencia a que utilizará tanto a obra propia como a doutros autores e autoras que estudaron a obra do poeta cangués.  O roteiro comezará ás 11:30 e está previsto que remate ás 13 horas nunha tasca recitando por parte de todas as persoas asistentes o “gato da tasca mariñeira”.

O concelleiro aproveitou para poñer en valor a gran importancia que ten Bernardino Graña en Cangas e a necesidade de insistir no seu recoñecemento público, polo que anunciou que o Concello incoará o expediente para nomealo fillo predilecto da vila e que volverá solicitar que a Casa da Cultura leve o nome de Bernardino Graña. Tamén anunciou que presentará en Cangas o libro “O neno mariñeiro” que a editorial Xerais vén de sacar do prelo.

Ao longo do mes de setembro e comezos de outubro celebraranse dous roteiros máis por diversas comarcas da provincia. O seguinte roteiro terá lugar en Cambados o sábado 30, leva por título ‘Roteiro do Centenario Da terra asoballada’. Estará guiado por Ramón Caride Ogando e centrarase na pegada de Cabanillas en lugares significativos de Cambados. E por último, o sábado 7 de outubro, a parroquia estradense de Berres acollerá ‘Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores’, a cargo do autor Xosé Luna Sanmartín.

Deja un comentario