+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xaneiro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN INICIA OS TRABALLOS DE CONSERVACIÓN NA ESCAVACIÓN DO MONTE DO CASTRO EN RIBADUMIA


As obras desenvólvense sobre unha superficie de 2.800 metros cadrados e poderán visitarse de luns a venres as 12 horas

A Deputación de Pontevedra iniciou os traballos de conservación e limpeza da escavación de Monte do Castro en Ribadumia unha vez que a dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia concedeu a correspondente autorización ao grupo de arqueólogos  da institución provincial.

As obras de conservación vanse desenvolver nunha superficie de 2.800 metros cadrados e pretenden garantir o mantemento dos restos atopados  nas escavacións realizadas dende 2011 neste xacemento galaico-romano ate que o Ministerio de Fomento acometa as obras de musealización dacordo ao convenio que mantén coa institución provincial.

Os traballos están previstos que se desenvolvan durante uns cinco meses por dous arqueólogos, unha restauradora e un equipo de doce auxiliares. As obras fundamentalmente consistirán na consolidación das estruturas de vivenda e muros atopadas nas escavacións, a limpeza de vexetación invasora e a adecuación dos terreos para evitar derrubes e escorrentías de auga.

Durante estes meses  de traballo, o xacemento poderá ser visitado de luns a venres as 12 horas, para o que un arqueólogo das escavacións acompañará as visitas dando explicacións do que supón os achados  realizados en Monte do Castro.

De feito, a información proporcionada por las diversas escavacións e a adscrición dos materiais cerámicos atopados fixeron considerar ó xacemento coma un establecemento castrexo con ocupación na Fase III da cultura castrexa, o que nos situaría nun marco cronolóxico do cambio de Era, pero que non exclúe a posibilidade de ocupacións anteriores.  Logo das escavacións arqueolóxicas acometidas, a hipótese de traballo coa que traballan os arqueólogos da Deputación é que Monte do Castro foi obxecto dunha ocupación e reocupación densa dende o século IV a.C. até o século I d.C., momento no que é destruído e abandonado definitivamente.

Así pois, Monte do Castro é un xacemento que pertence á “Segunda Idade do Ferro”, tal e como definiron as intervencións realizadas, presentando tres momentos ou etapas ocupacionais diferenciadas. Nun primeiro momento , nos séculos IV a.C. – III a.C. definida por numerosos buratos de poste, foxas e gabias escavados directamente no substrato. Entre eles defínense as plantas de varias cabanas circulares. Un segundo momento, comprendida no século II a.C. que é definida polas construcións de boa fábrica, en cachotería non concertada que se adosan unhas ás outras. Plantas ovaladas e circulares e a construción da muralla. O terceiro momento e último e entre os séculos I a.C.  e I d.C. definida pola “Casa Patio” ao sur do aterrazamento , as construcións que reciclan partes de muros de cabanas anteriores e o pequeno taller metalúrxico. A partires dese momento, o castro é abandonado.

Os traballos que se van desenvolver teñen un orzamento de máis de 180.000 euros.

Deja un comentario