+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

O CIM DE BUEU COMEZA UN OBRADOIRO DE AUTOESTIMA PARA MULLERES


O curso pretende mellorar as fortalezas femininas e a vida persoal e profesional das mulleres

Dende o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Bueu organízase un obradoiro de autoestima para mulleres. O curso, que é gratuíto, arrancou este martes e desenvolverase de 10 a 11 horas, cunha duración total de oito sesións. A intención é crear un grupo de traballo dirixido pola psicóloga do CIM onde as usuarias poidan modificar as súas debilidades e mellorar as súas fortalezas, de xeito que se produzan avances na vida persoal ou profesional.

En total participan máis de dez mulleres que traballarán conceptos como a definición da autoestima e a súa construción, exercicios para aumentar a confianza persoal, aprendizaxe de técnicas para descubrir os recursos persoais e afrontar os pensamentos negativos, e creación dun discurso sobre a propia valoración persoal.

Aberto o prazo Certame Relatos Matilde Bares

Por outra banda, dende o CIM lémbrase que está aberto o prazo para a presentación de traballos ao VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares. O tema que se deberá abordar terá que estar encadrado na temática da muller. Non obstante, valorarase especialmente o tratamento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e a prevención e eliminación da violencia de xénero.

O premio consistirá nunha dotación de 1500 €, e o gañador/a darase a coñecer no mes de febreiro de 2018.

As bases pódense descargar na páxina web do Concello: http://www.concellodebueu.org/nova.php?filId=2467&idioma=ga&filDpto=7&filTipo=0&filEstado=0&filNome=0&filSel1=0&filSel2=0&filMenu=MENU8_2

Deja un comentario