+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

A FIGURA DE AVELINA VALLADARES PROTAGONIZARÁ O ÚLTIMO ROTEIRO LITERARIO DA PROVINCIA EN A ESTRADA


A iniciativa foi promovida pola área de Cultura e Lingua da Deputación en colaboración coa AELG e pretende dar a coñecer o patrimonio inmaterial da provincia a través dunha perspectiva literaria

A participación é de balde previa inscrición no Concello de A Estrada, e xa só quedan seis prazas libres das 50 ofertadas

Avelina Valladares será a protagonista do último roteiro cultural organizado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ao abeiro do Ano do Patrimonio. Baixo o título ‘Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores’, a iniciativa pretende dar a coñecer a relación entre moitos espazos e elementos arquitectónicos do concello de A Estrada coa obra da poeta estradense.

“Estes roteiros buscan gozar do patrimonio literario que temos na provincia, pero tamén incluílo no patrimonio natural e arquitectónico, de facer unha transversalidade para ter unha relación máis acaída dos autores e a obra”, explicou o deputado Xosé Leal. Salientou, de feito, que os asistentes ao itinerario deste sábado en A Estrada non só coñecerán a traxectoria vital e artística da autora do Tabeirós, senón que tamén gozarán do recitado de poemas e pezas seus en cada un dos espazos que marcaron a súa vida.

Leal indicou que o proxecto dos roteiros literarios pretende “mostrar a riqueza de escritores que hai na provincia”, cunha grande variedade de estilos e autores, entre os que Avelina Valladares é “a muller que se tomou de referencia”. O nacionalista lembrou que o percorrido de A Estrada pechará un ciclo que xa pasou por Redondela, na Illa de San Simón, dedicado á memoria; por Tui, dedicado ao Monte Aloia; por Cangas, centrado na cultura mariñeira e Bernardino Graña; e por Cambados, baseado na figura de Cabanillas.

Este vindeiro sábado o biógrafo e escritor Xosé Luna Sanmartín será o guía oficial do roteiro. Na presentación de hoxe louvou a figura de Avelina Valladares e tamén da súa familia, asegurando incluso que “Galiza é hoxe Galiza porque existiu a familia Valladares e outras familias con moito abolengo, de señores que falaban galego e escribían en galego descoñecendo todo o noso pasado lírico medieval”. “Aos Valladares, a Avelina, unha muller vangardista, debémoslle moito todos os galegos e galegas e o sábado -polo roteiro- vai ser día de festa”, subliñou.

O percorrido do roteiro literario iniciarase na igrexa de Berres, onde foi bautizada Avelina Valladares, que veneraba á Virxe da Guía, para continuar polo camposanto onde están enterrados varios membros da familia, ata chegar ao Casal de Vilán de Costa, nunha distancia de 700  metros “por unha paisaxe enmeigada e fermosa”, co Pico Sacro e o río Ulla sempre como fondo.

O concelleiro de Cultura de A Estrada, Juan Constenla, agradeceu á Deputación e á AELG a proposta do roteiro, e sinalou que a alta demanda de solicitudes para asistir (a día de hoxe só quedan seis prazas libres das 50 dispoñibles) demostra o seu interese. “Animamos a pasar o sábado en contacto coa natureza, co Pico Sacro e o río Ulla, e a gozar dos versos no roteiro. Temos que felicitar á Deputación pola iniciativa, porque é obriga de todos poñer o vizoso legado dos escritores a disposición de todos e que así cheguen ás xeracións futuras”, subliñou.

Para poder participar no itinerario dedicado a Avelina Valladares é preciso apuntarse antes do venres no teléfono 986 67 77 48.

Deja un comentario