+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

GALICIA CONVERTERASE ATA O DOMINGO NO EPICENTRO DO TURISMO COSMOPOLITA DURANTE O ENCONTRO PROFESIONAL ‘ESPAÑA RELOADED’


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá a iniciativa que reunirá a máis de 160 touroperadores especializados de todo o mundo Nava Castro resaltou o potencial de crecemento deste mercado que pode axudar a mellorar progresivamente a rendibilidade do sector nos destinos que visitaA gastronomía, a cultura, o patrimonio, así como integrarse na cultura local e gozar do destino sen présas son algunhas das preferencias destes turistas

Coa intención de analizar como é, que busca e como poder atraer ao denominado turista cosmopolita á nosa comunidade, Galicia será sede desde mañá e ata o domingo de España Reloaded, o encontro profesional internacional que reunirá a máis de 160 touroperadores de todo o mundo para debater sobre un mercado turístico con grandes posibilidades de crecemento.

Trátase dun segmento que, como indicou a directora de Turismo, Nava Castro durante a presentación das xornadas “pode contribuír a mellorar progresivamente a rendibilidade do sector nos destinos que visita”, polo que, como dixo, este encontro converterase nun importante impulso ao sector turístico galego para que traballe con este tipo de turista “que pode ser, ademais, un dos grandes aliados para desestacionalizar e especializar a oferta”.

Organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Turespaña, a xornada desenvolverase desde mañá mércores ata o domingo na Illa da Toxa. As actividades profesionais comezarán o xoves, cun workshop que permitirá ao sector galego manter reunións con operadores e profesionais do ámbito internacional neste campo.

Tamén se organizarán conferencias e mesas redondas nas que se debaterá sobre sustentabilidade e marketing, as políticas de segmentación da demanda nos mercados maduros europeos ou a necesidade dunha mellora da sustentabilidade económica e social para impulsar a clientela cosmopolita, entre outros asuntos.

Referente do turismo responsable

Ademais España Reloaded será unha gran oportunidade para pór en valor todo o que ofrece Galicia para o turista cosmopolita, ese turista “ao que lle gusta mercar, integrarse na cultura local, coñecer a historia e patrimonio e gozar do destino sen présas”, explicou Nava Castro, quen este xoves participará nestas xornadas cun relatorio no que afondará na oferta de Galicia para este tipo de mercado, levando a cabo un modelo turístico responsable.

As xornadas tamén contarán coa participación do director xeral de Turespaña, Manuel Butler; o Key Account Director de GfK Consumer Experiences, Roland Gassner; a directora da Oficina Española de Turismo en Milán, Mª Teresa de la Torre Campo; o director da Oficina Española de Turismo en Londres, Javier Piñanes Leal; o Presidente da Asociación de Touroperadores Independientes Británicos, Derek Moore ou o director de producto de Boscolo Viaggi, Domenico Cocozza.

Durante estes días, tamén se contará coa presenza do subdirector xeral de Estratexia e Servizos ao Sector Turístico de Turespaña, Javier Rodríguez Mañas; o director da Oficina Española de Turismo en Miami, Féliz Paz García-Diz; a fundadora de Made for Spain and Portugal, Virginia Irurita Bertolo; o presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Francisco González López; ou a subdirectora xeral de Promoción Alimentaria do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, María Navarro González-Valerio.

As xornadas completaranse coa participación dos touroperadores e asistentes a estas xornadas profesionais nalgunha das nove rutas deseñadas por Turismo de Galicia para que poidan coñecer a Comunidade galega, visitando a costa e o interior, algúns destinos urbanos e coñecendo tamén o patrimonio dalgunha das rutas do Camiño de Santiago

Deja un comentario