+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

O CONCELLO MELLORA CUNETAS NAS ZONAS DE LIMERES E FRAGUAS PARA EVITAR DANOS E AFECCIÓNS DA AUGA AOS VIAIS


Na  estrada  de  Limeres,  que  ten  treitos  con  moita  pendente,  vanse construír beiravías de formigón en forma de uve

No vial Tomonde-Fraguas vaise instalar unha canalización con tubaría de PVC e unha estrutura que permitirá desaugar as escorrentías

O Concello de Cerdedo-Cotobade está comezando a intensificar as obras de mellora de cunetas ante a chegada do inverno, xa que nas zonas de monte, e por mor das fortes pendentes, as augas de escorrentía causan importantes danos e afeccións nos viais e faise preciso canalizalas para que non se acheguen ata a calzada. Deste xeito, o Concello vén de adxudicar unha actuación nas zonas de Limeres e Fraguas á empresa Construcciones Moreira Gómez por un importe superior aos 38.000 euros.

Na estrada de Limeres, que ten treitos con moito desnivel, vanse construír beiravías de formigón en forma de uve, mentres que no vial Tomonde-Fraguas vaise instalar unha canalización con tubaría de PVC de 315 milímetros de diámetro que discorrerá por unha estrutura maciza de formigón con imbornais para desaugar as escorrentías.

Os  obxectivos  desta  actuación  nas  cunetas  do  municipio,  que  podería  estenderse  a  outros lugares coas mesmas características orográficas e afeccións das augas, pasan por eliminar as escorrentías sobre as calzadas destinadas á circulación de vehículos, reducir as agresións que sofren as bases dos viais  pola acción da auga e  diminuír a periodicidade de actuacións de reposición e mellora das capas de rodadura, que supoñen un elevado esforzo económico para as arcas municipais.

O vicepresidente municipal, José Balseiros, explicou que este tipo de actuacións “son moi necesarias para conducir as augas e evitar que cheguen aos nosos viais, o que supón unha importante   mellora   da   seguridade   para   os   veciños   que   circulan   cos   seus   vehículos, especialmente nas épocas de choivas, e unha optimización dos recursos municipais, xa que deste xeito mantemos os viais en mellores condicións e non é necesaria unha reposición constante do seu pavimento”.

Deja un comentario