+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

NAVA CASTRO SALIENTA O POTENCIAL DE GALICIA COMO DESTINO COSMOPOLITA NAS XORNADAS INTERNACIONAIS ‘ESPAÑA RELOADED’


Ante máis de 160 turoperadores de15 países, a directora de Turismo afondou nas posibilidades do destino galego para atraer este mercado

Aludiu, entre outros asuntos, á calidade certificada do destino, á xestión sustentable ou aos atractivos das sete cidades como algúns dos reclamos

Recordou que este turista ten gran potencial de crecemento e pode axudar a mellorar progresivamente a rendibilidade do sector turístico nos destinos

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, referiuse hoxe ao gran potencial de Galicia como destino cosmopolita, ao achegar unha calidade certificada, demostrar unha xestión sustentable e contar con grandes atractivos culturais, naturais e patrimoniais que axudan a atraer este tipo de turista.

Así o manifestou no eido das xornadas profesionais España Reloaded, organizadas por Turismo de Galicia en colaboración con Turespaña, que reúnen desde o mércores en Galicia a máis de 160 turoperadores de máis de 15 países.

Durante a súa intervención, Nava Castro afondou nas posibilidades que ofrece Galicia para este tipo de turista, un viaxeiro curioso, amante da cultura e do patrimonio, que viaxa polo pracer de ver mundo, para vivir experiencias e gozar sen présas. Referíndose a Galicia como un destino con calidade acreditada – é a única comunidade autónoma de España que logrou aumentar durante catorce anos consecutivos certificados como as Q de Calidade Turística-, Nava Castro recordou o potencial que a natureza galega ofrece ao turista.

Aludiu, ademais, ao importante papel da enogastronomía galega para atraer ao turista cosmopolita “porque o patrimonio asociado á cultura do viño e aos múltiples recursos e opcións que Galicia ofrece converten os viños de Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras, O Ribeiro e Ribeira Sacra en todo un reclamo para os padais máis esixentes”, explicou. Do mesmo xeito, referiuse á calidade dos profesionais galegos, acreditada polas Estrellas Michelín e Soles Repsol, así como os certificados Q de Calidade que ostentan, así como a perfecta combinación entre a cociña de vangarda e a tradicional.

Experiencias turísticas

As experiencias que ofrece o Camiño de Santiago, a grande oferta cultural e patrimonial das cidades galegas, as variadas posibilidades de compras tanto en comercio de proximidade como de vangarda e deseño, así como a crecente importancia dos mercados de abastos galegos como espazos turísticos foron outros dos asuntos aos que aludiu. “Todos eles grandes recursos culturais que reivindican a gastronomía, a artesanía e o estilo de vida local como experiencia turística”, indicou a directora de Turismo.

Neste sentido indicou que Galicia leva anos traballando con éxito no fomento da aprendizaxe participativa relacionada coa nosa cultura, combinando así o turismo experiencial, co turismo responsable, cultural e sustentable, con exitosas experiencias como a Ruta dos Viños, a Ruta da Camelia, así como experiencias ofertadas en paquetes para a promoción dos parques naturais, entre outras medidas. Do mesmo xeito, recordou que o turista cosmopolita pode vivir experiencias singulares marisqueando con mariscadoras da man do turismo mariñeiro.  “Todas elas opcións coas que cremos que estamos preparados para recibir ao turista cosmopolita, que pode axudar a mellorar progresivamente a rendibilidade do sector nos destinos que visita”, explicou.

A participación da directora de Turismo inclúese nas xornadas profesionais España Reloaded, o encontro profesional internacional para debater sobre un mercado turístico con grandes posibilidades de crecemento.  Tras as mesas de debate e xornadas de hoxe, o encontro completaranse a fin de semana coa participación dos turoperadores e asistentes nalgunha das nove rutas deseñadas por Turismo de Galicia para que poidan coñecer a Comunidade galega, visitando a costa e o interior, algúns destinos urbanos e coñecendo tamén o patrimonio dalgunha das rutas do Camiño de Santiago.

Deja un comentario