+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

MONDARIZ ACOLLE, ESTE SÁBADO 7 DE OUTUBRO, O ENCONTRO CORAL ‘OUTONO EN SON’


A actividade, promovida polo coro ‘Mistura Vocal’ coa colaboración do Concello, nace con vocación de continuidade e terá como escenario o Espazo de Emprendemento Comercial ‘Mondariz Praza’

A recentemente reformada praza de abastos de Mondariz, acollerá o vindeiro sábado, 7 de outubro, ás 20 horas, a primeira edición dun encontro de formacións corais que se desenvolverá baixo o nome de ‘Outono en Son’. A iniciativa, organizada polo coro ‘Mistura Vocal’ a colaboración do Concello de Mondariz, contará coa participación dos coros ‘Tempus Fugit’, ‘Coro Encaixe’ e ‘Mistura Vocal’.

O programa, tal e como sinalaban dende a organización, ofrecerá un programa variado que servirá “para amosar ao público a diversidade coral que, afortunadamente, ten agora Galicia e o que é máis importante, a calidade das formacións corais galegas”.

Dende o Goberno local de Mondariz subliñaban que ‘Outono de Son’ nace como “un evento con vocación de continuidade” no afán de facilitar o acceso da veciñanza á cultura “en todas as súas manifestación”. Nese sentido, matizaban, “nada mellor que organizar un encontro periódico de corais, tendo en conta que Galicia en xeral, e a nosa comarca en particular, teñen unha fonda tradición nesta manifestación cultural”.

Finalmente, o Concello quería agradecer o traballo desenvolvido por ‘Mistura Vocal’ para que este encontro de coros fora posible “e polo traballo que veñen desenvolvendo, dende hai tempo, polo mantemento e difusión da cultura musical”.

‘Outono de Son’, amais da colaboración do Concello de Mondariz, conta co apoio da Deputación de Pontevedra e da ‘Escola de Música e Danza Maison’

Deja un comentario