+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

O CONCELLO DE BUEU CELEBROU ESTE VENRES O DÍA DA COLLEITA


Na zona do mercado tradicional da Praza de Abastos organizouse un mercado e degustación cos produtos cultivados polos participantes na horta comunitaria municipal

A concellaría de promoción económica e turismo organizou esta mañá un mercado da colleita, no que os e as participantes na horta ecolóxica e comunitaria do Concello expuxeron unha pequena mostra ecolóxica: tomates, pementos, e outros legumes, así como conservas e marmeladas foron a estrela. Todos estes produtos teñen unha particularidade, e é que son foron cultivados  na horta comunitaria, educativa e de lecer posta en marcha polo Concello nuns terreos próximos á senda do río Bispo, no seu tramo urbano, entre xuño e setembro deste ano.

As persoas que se achegaron ata o espazo do mercado tradicional participaron na degustación aberta con produtos da horta e elaborados como marmeladas ou conservas. Os e as usuarias da horta recoñeceron a súa experiencia positiva, pois aprenderon técnicas de agricultura ecolóxica, tanto para cultivo como tratamento de pragas, ao tempo que supuxo unha boa forma de estreitar lazos sociais e afianzar o tempo de lecer.

Segundo o alcalde, os obxectivos desta iniciativa piloto foron “ofrecer unha oportunidade para recuperarmos a agricultura e a relación ca terra, que tamén nos ofrece lecer e desconexión”. Nos meses que durou a experiencia, tamén se organizaron obradoiros para a rapazada, como o dos nenos e nenas do Verán de Xogos, que participaron nun taller de cultivos aromáticos e visitaron a plantación da horta. Polo tanto, creáronse interesantes sinerxías entre persoas de diversas franxas de idade.

 

Deja un comentario