+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Novembro de 2017

PRODUTORES DE MEXILLÓN DE CERDEÑA INTERÉSANSE POLO CONTROL OFICIAL DA PRODUCIÓN E COMERCIALIZACIÓN QUE SE REALIZA EN GALICIA A TRAVÉS DO INTECMAR


Os sardos foron atendidos pola dirección do instituto de Vilaxoán, que os acompañou nunha visita guiada polas instalacións do centro

Un grupo produtores de mexillón visitaron nos últimos días o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, para formarse na execución do control oficial da produción e comercialización que se desenvolve na nosa comunidade. A delegación estaba formada polo presidente e o vicepresidente do consorcio de mexillóns de Olbia e por catro produtores deste molusco que forman parte do Grupo de Acción Costeira Norte de Cerdeña.

O grupo foi atendido por persoal da dirección do Intecmar, que os acompañou nunha visita guiada polas instalacións do instituto e explicoulles polo miúdo o funcionamento de cada unha das unidades do centro e intercambiaron opinións e experiencias sobre as metodoloxías analíticas empregadas en ambas rexións para garantir a seguridade alimentaria dos moluscos a través dos controis oficiais esixidos na Unión Europea (UE). Os sardos amosaron o interese de visitar o centro de Vilaxoán dado o alto nivel que ten na aplicación do programa de control de moluscos bivalvos.

Esta formación súmase ao labor de cooperación que o Intecmar vén mantendo con diversos países dende a súa creación. Así, o centro de Vilaxoán recibe cada ano profesionais de diversas nacionalidades que solicitan asesoramento para que os seus técnicos en controis sanitarios poidan coñecer o funcionamento dos controis oficiais esixidos na Unión Europea en relación coa produción e comercialización de moluscos bivalvos e outros organismos mariños.

Deja un comentario