+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

A CORAL VALDARROSA VIAXA A LISBOA E PARTICIPA NO I ENCONTRO LUSO-GALAICO DE CANTO CORAL


O certame serve para devolver a visita que a agrupación portuguesa Lnec realizou durante a Festa da Troita de 2016

A coral Valdarrosa participou esta fin de semana como invitada no I Encontro Luso-Galaico de Canto Coral. Un certame celebrado na capela do convento dos Cardaes, en Lisboa, e que contou tamén coa participación do coro dos Laboratorios do Instituto de Enxeñería lisboeta, Lnec.

A agrupación cultural caldelá, que estivo acompañada polo alcalde, Andrés Díaz,  devolve así visita á realizada polo coro portugués en 2016 para participar no certame coral da Festa da Troita.

Ao certame asistiron preto dun cento de persoas, que encheron completamente a fermosa capela, dotada cunha sonoridade espectacular. Cada agrupación interpretou nove pezas e o concerto concluíu coa interpretación conxunta do Signore delle Chime, de Giuseppe de Marzi, e o coro Va Pensiero da ópera Nabuco, de Verdi.

A coral caldelá realizaba así a súa cuarta saída fóra de España, pois  xa  actuou no pasado no Brasil e noutras tres ocasións en Portugal. A agrupación, dirixida por Manuel Losada, e sempre baixo a batuta de Iván Gulín, ten unha presencia moi activa na dinamización social do municipio. Está formada por 32 persoas que atopan nesta agrupación unha forma de lecer e de enriquecemento cultural e persoal.

Deja un comentario