+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

O CONCELLO DE PONTE CALDELAS, ASOLADO POR PAVOROSOS INCENDIOS


O alcalde denuncia que cos escasos medios locais tiveron que facer fronte a unha bola de lume que ameazou a 25 núcleos de poboación

O nivel de alerta 2 non se declarou ata as 3 da madrugada e as brigadas forestais non chegaron ata pasadas longas horas de loita en solitario

Ponte Caldelas sofre cuantiosos danos en vivendas e empresas e prepara xa a solicitude de declaración de zona catastrófica

Ponte Caldelas padeceu con especial gravidade a vaga de lumes de onte e, dende a noite do domingo á mañá de hoxe luns, rexistrou máis dunha ducia de incendios que acabaron afectando, en maior ou menor medida, a 25 dos 33 núcleos de poboación do municipio. O lume cebouse con especial virulencia nos lugares máis próximos ao centro urbano e só respectou os máis afastados.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) viuse obrigado a atender a maior emerxencia dos últimos anos, con grave perigo para a vida de centos de  veciños, só cos medios municipais, que consisten nunha motobomba e un vello alxibe de máis de 40 anos recuperado hai uns meses como medida precautoria. A estes vehículos sumáronse outra motobomba e outro alxibe, cedidos pola empresa Caldevergazo. Os seis operarios municipais,  baixo a directa coordinación do alcalde, ocupáronse de movelos. Atoparon, ademais, a axuda dun veciño que colaborou toda a noite co dispositivo municipal. A Garda Civil, completamente envorcada dende o primeiro momento, ocupouse de evacuar os pobos máis ameazados e de pechar as estradas.

O primeiro lume produciuse sobre as 21.30 horas en Chaín e estendeuse con gran virulencia pola zona de Verdugo, Parada, A Roca, Rebordelo e Pazos. Ao  mesmo tempo entrou outro lume polo Sur, a través de Silvoso e A Insua. Mentres tanto, ao redor do centro urbano de Ponte Caldelas declaráronse subitamente, a partir das 22.30 horas, focos de gran intensidade en Tourón, Paradela e Gradín, así como outros en Caldelas e Cuñas.

“A situación foi crítica, tivemos un aluvión de chamadas de xente desesperada pedindo axuda porque o lume lle levaba as casas”, relata o alcalde. Tan é así, que as lapas pasaron a gran velocidade por Parada, Chaín, Rebordelo, Barbudo, Coveliño, Pazos, Silvoso, A Insua, A Sorreira, Paradela, Gradín, A Roca, Laxoso ou Regodobargo. O operativo municipal  traballou arreo dando prioridade á protección das vivendas, pero viuse amplamente superado pola magnitude da catástrofe. Máis aínda, cando o corte de estradas dificultaba a mobilidade.

O alcalde afirma que  durante máis de hora e media estivo chamando á central de coordinación de emerxencias da Xunta de Galicia, o servizo do 112, sen obter comunicación. “Se un alcalde que pelexa toda a noite por salvar non só as vivendas, senón as vidas dos seus veciños non pode falar co 112 e non ten con quen falar xa me imaxino o inferno que pasaría a xente”, afirma Díaz.

A indignación é total ao comprobar que a Xunta de Galicia non declarou o nivel de alerta 2, que dá prioridade no envío de medios autonómicos especializados, ata as 3 da  madrugada. As primeiras  brigadas forestais chegaron en torno ás 3.30 da madrugada, cando o Concello levaba batallando sete horas en solitario contra o lume nunha situación de gran angustia.

Unha indignación que mesmo se traduciu hoxe en sorpresa ao comprobar que Ponte Caldelas, que é  un dos concellos máis danos de toda Galicia, nin sequera aparece mencionado pola Televisión de Galicia, nin nas informacións oficiais da propia Xunta. “Calculamos que ardeu máis do 25% da nosa masa boscosa e, case todo elo ao redor das casas, hai galpóns, fincas, xardíns e todo tipo de construcións auxiliares destrozadas e parece que hai instrucións á canle pública de ocultar o que pasou en Ponte Caldelas”. “Non é que o Concello estea indignado, senón que a xente está indignada porque nos deixaron tirados”.

Aínda así, o Goberno local agradece  a chegada tardía das brigadas forestais. “Iso, xunto co cambio no vento”, explica o alcalde, “permitiunos salvar completamente  a zona Leste do municipio, é dicir A Fraga, Esfarrapada, Caritel e Forzáns, onde  o lume non chegou a entrar, cando media hora antes parecía case inevitable”.

A situación resultou tan perigosa que un total de 50 persoas foron evacuadas e aloxadas durante a noite na Casa da Cultura, aínda que varias delas foron regresando ás súas vivendas a medida  de que a situación se calmaba. Vivíronse escenas moi preocupantes pois a maior parte eran xente maior e os seus familiares, residentes noutros puntos, tiñan problemas para contactar con eles.

As lapas afectaron, cando menos a tres vivendas, dúas delas habitadas e situadas na Insua e un módulo prefabricado sen habitar de  Regodobargo. O Concello acolleu hoxe a unha familia afectada, con tres nenos pequenos, nunha vivenda  municipal de Caritel. Residían nunha finca habilitada cunha casa de madeira e un autobús completamente restaurado e acondicionado no seu interior como dormitorios. Alí tiñan toda a roupa e gran parte dos seus enseres e foi este curioso elemento o que quedou calcinado. A outra vivenda queimada, situada na estrada que conduce a Regodobargo, fora construída con criterios ecolóxicos, a base de madeira e alpacas. Quedou arrasada. O seu propietario está aloxado polo Concello nun hotel de Pontevedra con cinco días de pensión completa.

“Foi unha milagre que non houbera que lamentar desgracias persoais e iso débese fundamentalmente á mobilización da sociedade civil, pois os veciños deron unha batalla heroica; en moitos sitios completamente sos e, no resto, despois de que nós acudíramos para atallar o máis gordo e logo saír precipitadamente a outra emerxencia vital noutro pobo”, explica Andrés Díaz.

O alcalde, ao igual que os operarios municipais, pasou tamén toda a xornada de hoxe visitando lugares e coordinando os labores para sufocar os diferentes conatos que ían rebrotando, como en Gramil, Cuñas, Caldelas ou no cemiterio da Insua. Ata ás 19.00 horas, coa chegada da choiva non se levantou o dispositivo  que, por tanto, durou case 24 horas ininterrompidas. En Caldelas o lume rebrotou con tal forza que ás 9 horas e á plena luz do día arrasou cunha nave dun empresario autónomo, na que gardaba arcos de iluminación festiva, instalacións eléctricas e dous bares móbiles cos que se gañaba a vida.

A empresa máis afectada foi a transformadora de madeira Nefab, que sufriu graves danos na liña de melaminado, en cintas transportadoras, e no teito  dalgunhas naves industriais. A fábrica, con 49 traballadores, está parada e terá que ser sometida a importantes reparacións.

A escasos metros, no lugar de Pazos, Madeiras Maisán perdeu moita maquinaria e todo o almacén de madeira. No lugar de Parada, dous traballadores autónomos que se dedican ás limpezas forestais perderon toda a maquinaria, varios vehículos privados e parte das súas propiedades. Tamén resultou afectado coa perda dunha furgoneta a panadaría O Pan de San Antonio.  Máis incertos resultan de determinar os danos na cooperativa agrícola-gandeira Serra do Suido, en Pazos, que tamén sufriu o acoso do lume.

O alcalde de Ponte Caldelas expresa o agradecemento do Concello á Garda Civil, que fixo un labor encomiable toda a noite, á empresa Caldevergazo, ao autónomo Carlos Couselo, que achegou un tractor, ao pub Parada e as cafeterías Aries e La Cucharita, por achegar alimentos para os evacuados,  e a todas as persoas que colaboraron directamente nos labores de extinción.

 

Deja un comentario