+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

MÁIS DE 350 PERSOAS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA EN 6 EXCURSIÓNS DE “EN RUTA COA DEPO”


Veciñas e veciños de catro concellos realizarán visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico

O programa da Deputación de Pontevedra “En Ruta coa Depo” organiza esta próxima fin de semana seis novas saídas que contarán coa participación de 364 persoas de seis asociacións. Estas excursións, que terán lugar o sábado e domingo, permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Para comezar, este sábado 4 de novembro haberá 4 excursións. Máis polo miúdo, 47 persoas de Down Pontevedra Xuntos visitarán o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da Costa de Soavela, Cabo Home, Cabo Udra e Museo Massó, en Bueu. Tamén 53 persoas da Asociación Provincial Amas de Casa Consumidores e Usuarias Rías Baixas poderán visitar en Silleda o castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a fervenza do Toxa e escenarios da serie “O final do Camiño”. O mesmo sábado, 54 persoas da A.C.D. Chan do Monte percorrerán o paseo marítimo de Moaña, a igrexa de San Martiño, Tirán e a súa contorna recuperada e as salinas do Ulló, en Vilaboa. Por último, 49 persoas da Asociación C.D.E. Treze Catorze farán unha ruta marítima pola ría de Arousa, visitando a Illa da Toxa, O Grove, o Museo da Salga e o xacemento da Lanzada.

Pola súa banda, o domingo 5 de novembro haberá dúas novas excursións. Nunha 108 persoas da Asociación de Amas de Casa e Consumo Agarimo visitarán o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da Costa de Soavela, Cabo Home, Cabo Udra e Museo Massó, en Bueu e na outra excursión 53 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Santa Catalina Portonovo farán unha ruta temática polo parque Quiñones de León, parque do Castro e parque botánico do Castelo de Soutomaior.

O programa “En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

Deja un comentario