+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

O ALCALDE DE PONTE CALDELAS ANALIZA CON LUÍS VILLARES, PORTAVOZ DE EN MAREA, A CRISE DOS INCENDIOS FORESTAIS


Andrés Díaz transmite a soidade dos alcaldes afectados polo lume, que tiveron que afrontar sen medios os traballos de extinción, a evacuación das persoas en risco e tamén a atención posterior aos damnificados

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz,  recibiu hoxe ao portavoz de En Marea, Luís Villares, para  analizar a situación producida durante e despois dos incendios forestais do pasado día 15. A visita, realizada a solicitude desta organización política, centrouse fundamentalmente na xestión da emerxencia e o absoluto fracaso do Goberno galego.

Villares, que chegou acompañado do deputado Marcos  Cal, do representante local Roi Márquez e unha representación dos colectivos  veciñais e de xestión do monte en Ponte Caldelas, estivo no Concello durante preto de dúas horas que serviron para analizar polo miúdo o sucedido neste Concello, onde  arderon unhas 2.900 hectáreas, un tercio da superficie municipal.

Andrés Díaz, en nome de todo o Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG), explicou as súas queixas pola descoordinación e abandono por parte dos servizos de extinción da Xunta de  Galicia, que non se presentaron ata pasadas as 3 da madrugada, pola tardanza en declarar a alerta 2 e mesmo pola contumacia da Consellería de Medio Rural en negar que Ponte Caldelas tivera padecido o lume cunha virulencia equivalente á dos concellos máis afectados. Chegaron a  dicir, explicou Díaz, que aquí non houbo incendios.

Recalcou que tanto el como moitos outros alcaldes sentíronse sós e abandonados.  No caso de Ponte Caldelas, loitando contra as lapas cunha vella motobomba municipal e só co apoio da Garda Civil e dos propios veciños para garantir a seguridade e evacuar ao medio cento de persoas en risco.

Expllicou que despois da noite do día 15, o Concello está a ser a única porta á que poden chamar os veciños, pois os cuantiosos danos producidos deben repararse inmediatamente para repoñer servizos básicos. Especialmente preocupante para o Concello está  a ser o restablecemento do abastecemento de auga que, en Ponte Caldelas  depende fundamentalmente  de traídas veciñais que quedaron arrasadas. O Concello está a adiantar os gastos de reposición das mangueiras de subministro.

Díaz e Villares falaron das súas dúbidas sobre o verdadeiro alcance das axudas oficiais anunciadas pola Xunta, motivo polo que o Concello está a recadar fondos cunha conta solidaria e a realizar iniciativas como o reparto de forraxe.

O alcalde de Ponte Caldelas falou da iniciativa solidaria para espallar palla e restos vexetais triturados polas zonas do monte máis próximas  aos  acuíferos das traídas veciñais, aplicando así a técnica do “mulching”. A rapidez na reacción de Ponte Caldelas, que contou para elo co apoio de 200 voluntarios chegados de toda Galicia, permitiu adiantarse á chegada das choivas, mentres  seguen sen conocerse as medidas adoptadas dende a Xunta.

Finalmente, e referíndose xa ás emerxencias urbanas e industriais, expresou a batalla que Ponte Caldelas está a liderar dende hai tempo para a modificación do mapa de emerxencias na provincia de Pontevedra, cuxa peor zona de sombra  está ao redor dos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro. Unha batalla a prol da comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra e que, por fin, tivo eco na Xunta de Galicia. O alcalde caldelán queixouse da falta de apoio nun asunto tan sensible como este porque, de feito, explicou, tan só recibiu a adhesión incondicional do alcalde de Campo Lameiro e a boa vontade do de Pontevedra.

Luís Villares comprometeuse a recoller todas as impresións e suxestións de Ponte Caldelas para telas moi en conta de cara a futuras iniciativas parlamentarias.

Deja un comentario