+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

CONCELLO E COMUNIDADE DE AUGASANTAS IMPULSAN A EXCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA DO CASTRO DE FAMELGA


 

 Jorge Cubela e Nicasio Rivas visitan as tres catas realizadas e reciben as explicacións dos técnicos que desenvolven o proxecto

 Os carbóns  atopados  vanse  enviar  a  un  laboratorio  estadounidense para fixar as datas exactas deste asentamento castrexo

O Concello de Cerdedo-Cotobade e a Comunidade de Montes de Augasantas están a impulsar unha completa excavación arqueolóxica do Castro de Famelga co obxectivo  de  determinar  a  súa  importancia  e  antigüidade,  que  sempre  se  estimou  de  gran calado, para afrontar no futuro outras accións turísticas e de posta en valor.

Esta  iniciativa,  orzamentada  inicialmente  en  12.000  euros  e  cofinanciada  entre  o  Concello (4.500 euros) e o colectivo (7.500), xa está bastante avanzada e, por mor dos primeiros resultados, recibíu a visita do presidente municipal, Jorge Cubela, e do presidente dos comuneiros, Nicasio Rivas. Ambos acudiron ata a zona e recibiron as explicacións dos traballos realizados, consistentes en tres catas, por parte dos técnicos do equipo arqueolóxico.

En primeiro lugar, Cubela e Rivas contemplaron as pezas, materiais e cerámicas recuperados, que xa contan cunha primeira catalogación feita no terreo e que están pendentes dun posterior estudo  para  coñecer  máis  datos  dos  mesmos.  Os  primeiros  apuntamentos  sinalan  que  os achados son de entre os séculos VII e VI antes de Cristo, o que supón unha época intermedia entre a Idade de Bronce e a Idade de Ferro.

A continuación, desprazáronse ata a propia croa do castro, onde se realizaron tres catas, dúas das cales resultaron ser infértiles, pero a terceira foi moi proveitosa, xa que na mesma apareceu unha edificación de control e vixilancia que, posiblemente, se levantara con pedra e madeira. Desde a mesma poden observarse claramente as tres rías do sur de Galicia, o castro da Peneda e, xa cara a parte este, o Monte Seixo, a Serra do Candán e os primeiros picos da provincia de Ourense.

Nesta terceira cata acháronse os materiais antes referidos e tamén unha serie de pezas de carbón que vanse remitir a un laboratorio estadounidense de Washington para determinar con total exactitude a antigüidade do castro e dos seus asentamentos.

En calquera caso, os técnicos xa teñen unhas estimacións bastante precisas deste emblemático castro e consideran que se trataba dun asentamento ocasional, ao que a poboación da contorna só acudía para resgardarse en época de conflito, xa que conta cun forte desnivel que fai bastante complicada a vida cotiá.

Castro da Cividade

Tras a visita, Cubela admitiu a súa “fascinación” polos achádegos e polo “importante valor dun castro que é dos máis importantes da provincia e que conta cunhas vistas privilexiadas”. Por elo, considera que, na medida das posibilidades, debe impulsarse a súa posta en valor conxuntamente cos castros de Carballedo e da Cividade, en San Xurxo de Sacos, que é o único onde aínda non se fixo ningunha excavación e que é o vindeiro obxectivo do goberno local nesta constante aposta pola cultura e o patrimonio castrexos.

“Síntome orgulloso de ter asumido este compromiso, xa que non podemos abandonar a nosa historia.  O  meu goberno sempre se  caracterizou  pola  recuperación do  patrimonio  cos  seus propios recursos e así vai seguir sendo”, aseverou o rexedor, que quixo agradecer a persistencia dos  veciños  para  que se levaran a cabo  estas  excavacións  e tamén destacou  o traballo  e a intervención realizados por algúns militantes do BNG local.

 

Deja un comentario