+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

O CONCELLO ADXUDICA MELLORAS VIARIAS EN FAMELGA, PAZOS, VALONGO E VILANOVA E RENOVA O LAVADOIRO DE CAMPODANTA


As obras consistirán na dotación de nova pavimentación, saneamento, acondicionamento e entubado de augas pluviais

A execución oscila entre 15 e 40 días e a alta concorrencia de empresas permite obter unha baixa do 37% sobre os 110.000 euros de licitación

O Concello de Cerdedo-Cotobade segue avanzando no desenvolvemento dos investimentos do presente exercicio e vén de adxudicar a primeira fase do Plan de Mellora de Camiños, que suporá o acondicionamento de vías en Famelga, Pazos de Borela, Valongo e Vilanova, ao tempo que rematou a renovación do Lavadoiro de Campodanta.

No primeiro caso, a mesa de contratación rematou a baremación das ofertas e propuxo a adxudicación de tres lotes do concurso a  prol de Nexia Infraestructuras:  pavimentación en formigón das rúas e accesos ao núcleo de Famelga por 15.926 euros; o saneamento e asfaltado de camiño en Pazos de Borela por 13.942 euros; e o acondicionamento e asfaltado dos camiños de Casanova e O Quinteiro, en Valongo, por 14.649 euros. O derradeiro lote recaeu en Construcciones E.C.Casas, que acometerá a instalación de entubado de augas pluviais, acondicionamento e asfaltado da vía de Lamela e do acceso ao núcleo de Vilanova por 23.901 euros.

A elevada concorrencia de empresas a este concurso, con entre 10 e 15 propostas por cada lote, provocou importantes axustes tanto nos prazos de execución como nas ofertas económicas. Así, cada obra realizarase entre 15 e 40 días, reducindo sensiblemente os dous meses que había de prazo máximo en cada actuación, e o montante total deste Plan de Mellora de Camiños acadou unha baixa do 37% con respecto aos 110.000 euros cos que saíu a licitación.

Fontes e lavadoiros

Paralelamente, o Concello segue despregando a bo ritmo o Plan de Acondicionamento de Fontes e Lavadoiros, xa que vén de rematar a rehabilitación e posta en valor do Lavadoiro de Campodanta, pertencente ao lugar do mesmo nome da parroquia de Augasantas. Cómpre lembrar que este proxecto, dotado con 60.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2017, permitirá a recuperación de 14 infraestruturas de auga e mananciais públicos do territorio de Cotobade

Deja un comentario