+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Novembro de 2017

NAVA CASTRO SALIENTA A CONTRIBUCIÓN DAS AUGARDENTES E LICORES TRADICIONAIS Á OFERTA ENOGASTRONÓMICA GALEGA


A directora de Turismo participou en Cambados nas V Xornadas de Degustación e Maridaxe para por en valor estes produtos como recursos turísticos diferenciais

Asistiu a un showcooking con destilados amparados polas Indicacións Xeográficas Protexidas así como con alimentos dos Consellos Reguladores

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Cambados nas V Xornadas de Degustación e Maridaxe das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia nas que se puxo en valor o papel destes produtos como recursos turísticos diferenciais.

A responsable de Turismo da Xunta asistiu a un dos showcookings organizados nos que se empregaron produtos amparados polas distintas Indicacións Xeográficas, como augardentes e licor de herbas ou licor café. Os menús incluíron tamén ingredientes como a castaña, tarta de Santiago, mel, mexillón, queixo do Cebreiro ou tenreira galega, todos eles pertencentes a outros Consellos Reguladores.

Organizada polo Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, esta iniciativa incluíu catas comentadas e obradoiros de cociña e coctelería, así como o túnel experiencial no que os visitantes puideron comprobar o amplo abano de posibilidades que ofrecen os destilados galegos con selo de calidade. O espazo expositivo e de cata permitiu tamén a degustación dunha gran cantidade de produtos dispoñibles no mercado.

Estas xornadas celebradas hoxe en Cambados contribúen a posicionar a enogastronomía galega como recurso turístico, sendo este o segundo motivo polo que os visitantes escollen Galicia como destino. A gastronomía ocupa un papel destacado na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego coa que se está a acompañar o crecemento ordenado e planificado de visitantes cun modelo turístico responsable  e sustentable.

Deja un comentario