+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

PONTE CALDELAS CONVOCA NOVAMENTE AOS VOLUNTARIOS PARA REMATAR A “OPERACIÓN MULCHING”


O Concello chamou  a 60 persoas da súa bolsa de voluntariado para esparexer unhas 7 toneladas de palla que quedaban pendentes

A “operación mulching” de Ponte Caldelas  rematou este sábado pasado pola mañá. O Concello de Ponte Caldelas volve acudir aos voluntarios que se anotaron durante a campaña da pasada semana  para rematar o labor de esparexer palla polas zonas  máis sensibles do monte queimado nos incendios do pasado día 15.

Quedan por repartir un total de 7 toneladas de palla das 30 adquiridas polo Concello. O  traballo centrarase nas proximidades dos  acuíferos de Chaín, Regodobargo, Barbudo e Parada, fundamentalmente. Son unhas 20 pacas que xa  están sobre o terreo e que non foi posible completar durante a xornada do pasado sábado.

O alcalde, Andrés Díaz, explica que se está xa a chamar ás persoas inscritas na bolsa de voluntariado, que serán divididas en dous grupos duns 30 participantes e que deben presentarse ás 9.30 horas  do sábado na Casa do Pobo de Chaín ou no campo de fútbol de Cuñas,  segundo se lles indique. Cada  cuadrilla volverá estar dirixida por un coordinador  ben formado que supervisará a calidade do traballo.

As previsións meteorolóxicas dan posibilidade de choiva para o sábado, pero non é posible agardar moito máis se se quere mitiga a erosión por arrastre das  cinzas. Só no caso de que a choiva sexa demasiado forte suspenderíase a xornada de “mulching”.

O Concello organizará tamén un operativo, como xa sucedeu o pasado sábado, para levar  bocadillos, froita e bebida a todas as persoas que colaboren.

Andrés Díaz,  en nome de  todo o Goberno local de Ponte  Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) agradece a todos os voluntarios,  entre persoas chegadas de toda Galicia e tamén moitos veciños de Ponte Caldelas, o seu compromiso e solidariedade.

Deja un comentario