+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O CASTELO DE SOUTOMAIOR ACADOU ATA O MES DE SETEMBRO 5.000 VISITANTES MÁIS QUE EN TODO O ANO 2016


Carmela Silva asegurou que os 28.000 visitantes ao Castelo no que levamos de ano superan en 12.000 aos acadados en 2014

 A Presidenta provincial sinalou que “este ben cultural en dous anos deixou de ter unha utilización partidista a ser un espazo para a cultura, para o teatro e para a cidadanía”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou hoxe en rolda de prensa que o Castelo de Soutomaior, propiedade da institución provincial, vén de rexistrar de novo en outubro unhas cifras de visitantes “de récord”. Deste xeito, Carmela Silva sinalou que “no mes de outubro tivemos 2.666 visitantes, que son 300 persoas máis que o mesmo mes do ano pasado, é dicir, un incremento interanual do 12%”.

A Presidenta provincial afirmou que estes datos son “unha mostra do bo ritmo de crecemento que está tendo o Castelo a nivel de visitas”, sumados ao feito de que “a día 30 de setembro xa superamos en 2017 o número de visitantes de todo 2016, con 25.000 fronte a 20.500”, de xeito que “engadindo a eses 25.000 visitantes os preto de 3.000 de outubro, estamos nestes momentos a falar de preto de 28.000 visitantes nestes dez primeiros meses do ano, a falta de novembro e decembro”. Estes datos, asegurou Carmela Silva, supoñen que “desde a nosa chegada ao Goberno provincial, aumentamos en 12.000 a cifra de visitantes anual xa que durante 2014 o número de visitas ao Castelo non chegou ás 16.000”.

Ante os positivos resultados, a Presidenta provincial resaltou que “isto quere dicir que se está a valorar a posta en valor deste ben cultural, que ten un enorme potencial turístico, mentres que en anos anteriores, en lugar de destacar por esa potencialidade, acadaba o seu protagonismo por outro tipo de actos partidistas que nada teñen que ver con poñer o patrimonio ao servizo de toda a cidadanía”. “Nos tempos de María Vinyals, esta muller feminista conqueriu que o Castelo deixou de ser unha fortaleza para converterse nun espazo para a cultura, para a paz” e, agora, “volvemos darlle un cambio radical ao Castelo de Soutomaior, un espazo para a cultura, a cidadanía e poñer en valor un extraordinario patrimonio histórico e cultural”.

Carmela Silva lembrou que “desde a Deputación de Pontevedra estamos traballando na posta en valor do Castelo de Soutomaior, para o que desenvolvemos por unha banda o plan de usos do Castelo, para adaptalo ao século XXI”, e tamén “imos traballar durante todo este inverno na súa musealización para que o Castelo, que é unha xoia do noso patrimonio, teña uns contidos moito máis atractivos e completos”.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu conta dos resultados dunha enquisa realizada entre o público visitante do Castelo entre os meses de xullo e setembro “para ter información sobre estas persoas e sobre as súas preferencias, xa que queremos escoitar o que ten que dicir a cidadanía”, dos que avanzou os seus resultados principais: “o 88% do público que visita o Castelo é nacional e, no 12% restante de público internacional, salienta o Reino Unido co 4%, seguido doutros países como Brasil, Estados Unidos ou Francia, aínda que representan entre o 1,5% e o 1,2%, polo que o público internacional está moi repartido e ten que ser unha das liñas a poñer en marcha para atraer máis público internacional”. Entre o público estatal resaltan “por suposto, Galicia co 25%, pero tamén Madrid co 17%, Andalucía co 11% ou Castela-León co 10%”, sinalou a Presidenta.

Ademais, en canto ás idades, “os públicos que máis destacan son os de persoas menores de idade (o 33%) e a franxa de idade de entre os 35 e os 60 anos (o 41%), isto é, pais e nais cos seus fillos e fillas, en concordancia coa promoción turística que se lle deu ao Castelo nos últimos anos: o público familiar”, sinalou Carmela Silva, que sinalou que “no plan de usos xa sinalamos que este ía ser o camiño, e xa estamos a obter os resultados”. A Presidenta tamén avanzou que “na estadía, o 64% das persoas que responderon a enquisa aloxáronse na provincia de Pontevedra entre sete e 15 días, fronte ao 22% de catro a seis días, o 13% de 16 a 30 días e o 2% de un a tres días”. “Temos moita información que nos vai permitir orientar aínda máis e mellor a nosa actividade cara a este patrimonio espectacular”.

Ademais, Carmela Silva asegurou que “o 55% das persoas que visitaron o Castelo nestes meses non coñecían o destino Rías Baixas”. Ao respecto disto último, a Presidenta asegurou que “esta é unha porcentaxe moi elevada polo que temos que poñer os nosos esforzos enfocados cara á fidelización e a captación dese público que xa nos visitou pero que queremos que volva”.

Con todo isto, sinalou Carmela Silva, “e con outros datos de carácter máis técnico, concluímos que estes datos son positivos, constatando que a nosa promoción e a nosa posta en valor do Castelo de Soutomaior están sendo as acertadas, e tamén nos indican eses dous aspectos que sinalaba anteriormente, a fidelización e a captación, que serán os piares nos que traballaremos no que ten que ver coa promoción tanto do Castelo como do destino Rías Baixas”.

A Presidenta provincial asegurou que “polo de agora, xa temos marcadas as liñas da acción de promoción do Castelo para o primeiro trimestre do ano”, isto é: “a posta en valor do Castelo e das personaxes que o habitaron, a través da súa musealización”, en primeiro lugar, “o desenvolvemento dunha oferta adaptada ás demandas dos e das turistas e visitantes do século XXI”, en segundo lugar, e “continuar co cambio de imaxe do Castelo, confirmando a súa transformación nun espazo cultural e natural que é vivo e dinámico”, en terceiro lugar.

Deja un comentario