+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

APROBADO O PROXECTO PARA MELLORAR A ESTRADA PROVINCIAL EP-0505 EN BARRO ENTRE A N-550 E A IGREXA DE PERDECANAI


A actuación está orzamentada en 327.565 euros e permitirá renovar a capa de rodaxe, crear un espazo peonil, e instalar novo saneamento e elementos de calmado de tráfico

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o proxecto de mellora da estrada provincial EP-0505 no Concello de Barro. A actuación suporá un investimento de 327.565 euros e permitirá renovar a capa de rodaxe de xeito integral, crear un espazo de tránsito peonil, instalar novo saneamento e colocar elementos de calmado de tráfico. A institución provincial, segundo asegurou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, está agora á espera de recibir o visto bo do departamento de Patrimonio da Xunta para poder contratar as obras que, se os trámites administrativos van segundo o previsto, poderán iniciarse na primavera de 2018.

A actuación na EP-0505 abranguerá a totalidade da vía (1,2 quilómetros) e vén a supoñer a mellora definitiva dunha estrada na que houbo diferentes fases de actuación durante os últimos dez anos por parte do anterior goberno provincial, que nunca rematou definitivamente a remodelación. Agora, tras o convenio asinado entre Deputación e Concello (que financiarán ao 70%-30% as obras) executarase un proxecto integral de urbanización e mellora de abastecemento, con pasos de peóns sobreelevados (catro), nova sinalización horizontal e vertical e a crearase un espazo de tránsito peonil e de bicicletas polo que poderán camiñar con seguridade os veciños e veciñas da zona.

A intención é que, dada a tipoloxía da estrada, unha vez rematen os traballos (que teñan un prazo de execución de seis meses unha vez asinada a acta de replantexamento), a vía sexa transferida ao Concello de Barro para encargarse da súa titularidade e mantemento.

Deja un comentario