+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

“CUSPEDRIÑOS10” ACOLLE UNHA MOSTRA DO MUSEO DO POBO, A CHARLA SOBRE ANTÓN FRAGUAS E O ROTEIRO DO FOXO DO LOBO


A exposición do 40 aniversario da pinacoteca instalarase o xoves en

Carballedo e Clodio González falará sobre Fraguas no IES de Cotobade

 O roteiro ao lugar de Arufe, que repite tras o éxito da pasada edición, será este domingo 12 e arrancará ás 10.30 horas da Praza do Concello

As II Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais “Cuspedriños10” acollen esta semana o groso das súas actividades cunha exposición itinerante sobre o 40 aniversario do Museo do Pobo Galego, unha charla sobre a figura do escritor, historiador e etnógrafo Antón Fraguas e o Roteiro do Foxo do Lobo de Arufe (Loureiro). Estas derradeiras actividades, organizadas polo Concello e a Fundación Antón Fraguas coa colaboración da Axencia  Turismo de Galicia e o Museo do Pobo Galego, foron presentadas esta mañá polo presidente municipal, Jorge Cubela.

Esta xeira de eventos arrancará este xoves, 9 de novembro, coa apertura dunha mostra por mor do 40 aniversario do Museo do Pobo Galego, que permanecerá instalada no salón de actividades da casa consistorial de Carballedo ata o martes 14.

Xa o venres haberá unha charla-coloquio sobre a figura do insigne cotobadés Antón Fraguas a cargo do seu biógrafo, Clodio González Pérez, xa que o Concello cre que a figura de Fraguas debe recibir un maior recoñecemento e posta en valor pola súa importancia na cultura galega. Esta actividade desenvolverase desde as 11.00 horas no IES de Cotobade.

Finalmente, o domingo, 12 de novembro, celebrarase o Roteiro do Foxo do Lobo, entre Carballedo e Arufe, tras o éxito de participación obtido na súa celebración nas I Xornadas “Cuspedriños10”  e  a  alta  demanda  e  interese  existentes  sobre  este  percorrido  e  os  seus misterios. A andaina, de execución sinxela, partirá ás 10.30 horas da Praza do Concello de Carballedo e contará coas explicacións dos profesores Xosé Manuel González Reboredo e Fuco Sanjiao. A actividade é gratuíta e non precisa de inscrición previa.

Esta iniciativa, xurdida en 2016 co obxectivo de complementar á Feira de Cuspedriños máis aló dos aspectos lúdicos e de estender o seu obxectivo de honrar ao pasado e á historia de Cotobade durante distintas épocas do ano, xa arrancou o pasado mes de outubro cunha recollida tradicional de castañas e un magosto familiar no antigo mercado de Cuspedriños e co Roteiro de San Xusto, cun percorrido guiado entre a mítica carballeira e a Ponte Nova.

Deja un comentario