+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

INGRESAN OS 1.108 EUROS RECADADOS NO MERCADIÑO SOLIDARIO NA CONTA PARA OS DAMNIFICADOS DOS INCENDIOS


Agradecemento do Goberno local á Asociación de Veciños de Pazos de Borbén, aos voluntarios e ás persoas que doaron roupa

O Concello de Ponte Caldelas expresa o seu agradecemento á Asociación de Veciños de Pazos de Borbén, ás persoas voluntarias que atenderon ao público e a os doantes de roupa e produtos que se puxeron á venda durante o mercadiño solidario celebrado no Pabillón municipal durante o pasado sábado, día 28 de outubro.

A inciativa, na  que se vendeu fundamentalmente roupa, pero tamén outro tipo de obxectos como mobles, menaxe ou mesmo tarros de mel doados por un produtor local, logrou recadar 1.108,15 euros. A cantidade está xa ingresada na conta solidaria que puxo en marcha o Concello coa colaboración de Cáritas.

O Goberno local tripartito, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, agradece o esforzo e colaboración de todas estas persoas sensibilizadas coa traxedia que azoutou especialmente a Ponte Caldelas durante a noite do pasado día 15 de outubro.

O alcalde, Andrés Díaz, subliñou que cómpre valorar o esforzo de todas  as persoas que fixeron posible esta iniciativa, na que se deu saída a moita roupa recibida en Ponte Caldelas, a pesar das insistentes mensaxes de que non era necesaria e que as doazóns deberían canalizarse economicamente para axudar con máis  efectividade ás aproximadamente 90 familias afectadas polo lume.

A conta solidaria de Ponte Caldelas será utilizada polo Concello, a principios do ano próximo, para chegar alá onde as axudas oficiais non cheguen. Unha iniciativa que será moi necesaria, toda vez que a convocatoria realizada pola Xunta de Galicia é tan complexa e burocraticamente  esixente que se calcula que tan só 2 dos afectados en Ponte Caldelas poderán beneficiarse dela.

O Concello de Ponte Caldelas comunicou esta mesma mañá á Xunta de Galicia a súa solicitude formal para que abra unha oficina de atención personalizada aos afectados na propia sede municipal.

Deja un comentario