+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

O CONCELLO DE BUEU ORGANIZA UN TALLER GRATUÍTO DE SAÚDE BUCODENTAL NO EMBARAZO


A concellaría de deportes de Bueu arrancou onte un taller de saúde bucodental para mulleres embarazadas. Este taller atópase dentro das clases de matroximnasia, prenatal e psicomotricidade, aínda que está aberto a máis persoas que desexen participar.

O taller, totalmente gratuíto, está orientado ás nais embarazadas e aquelas con fillos de ata tres anos de idade. Desenvólvese todos os martes ás 17 horas no colexio de A Pedra durante novembro e decembro.

As inscricións poden formalizarse na Oficina de Deportes ou a través do teléfono 986324338.

Clases de matroximnasia e prenatal

Dende a concellaría de deportes informan tamén que está aberto o prazo para apuntarse nas clases de ximnasia prenatal e matroximnasia que se imparten dende o Concello. Así, as de ximnasia prenatal teñen lugar os xoves ás 18.00 horas no CEIP A Pedra e as de matroximnasia (nenos/as de 0 a 1 anos), os xoves ás 19.00 horas no Pavillón Municipal Pablo Herbello.

Estas actividades insírense no programa “Bueu Concello Saudable”, posto en marcha no 2008 e co que se pretende fomentar hábitos de saúde e benestar entre a poboación e atendendo a diversos colectivos.

Ademais, ao longo deste curso tamén se están celebrando as clases de ximnasia para maiores e adultos, Pilates e ximnasia para persoas con discapacidade intelectual e mobilidade reducida en diversos espazos municipais, cunha participación de máis de cincocentas persoas en total.

Deja un comentario