+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

O CONCELLO EXECUTA UN PLAN DE OBRAS EN SANTA MARÍA DE SACOS PARA MELLORAR VÍAS E AUGAS CARA AO INVERNO


 No Cádavo acometeuse o formigonado integral do acceso nun treito de case 400 metros cun orzamento de 14.000 euros

 A Brigada de Obras realiza unha canalización de augas, cambio  de mangueira da traída e acondicionamento do firme no Camiño do Vidro

O Concello de Cerdedo-Cotobade está a executar nestas semanas un plan de obras viarias e de augas en Santa María de Sacos para mellorar estas infraestruturas ante a previsible meteoroloxía adversa do inverno, xa que esta parroquia é das máis elevadas e conta cunha das orografías máis complicadas de todo o municipio. Os traballos foron supervisados polo presidente municipal, Jorge Cubela, que está a intensificar estes días a inspección das obras para tratar de que rematen antes de que empeore a climatoloxía.

En primeiro lugar, actuouse no lugar do Cádavo, onde se acometeu o formigonado integral do acceso a esta aldea nun treito de case 400 metros caracterizado por un forte desnivel e pola existencia de varias curvas pronunciadas. Coa nova capa de rodadura, orzamentada en 14.000 euros, garántese o tránsito dos veciños incluso en épocas de choiva ou xeo.

Na actualidade, os traballos estanse a desenvolver no denominado Camiño do Vidro, no lugar de Vila de Abaixo, por medio dos operarios da Brigada Municipal de Obras. Neste punto hai tempo que existe un problema coas augas pluviais e de escorrentía, que discorren pola pista cara as vivendas, polo que estase construíndo unha nova canalización de augas para correxir esta situación. Ademais, está previsto que, aproveitando esta actuación, se cambie a mangueira e o entubado da traída de augas para prestar un mellor servizo e que finalmente se dote dunha nova capa de rodadura en formigón ao mencionado vial.

Cubela amosou a súa satisfacción “polo elevado ritmo que están a ter os investimentos e obras que estamos a facer por todo o concello e que teñen como obxectivo situar todas as infraestruturas, na medida do posible, na mellor situación cara o inverno”. Neste senso, indicou que  durante estas semanas vai volver percorrer todas as parroquias para comprobar e tratar de axilizar todos estes traballos e detectar a aparición de novas necesidades e demandas veciñais.

Deja un comentario