+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O MUSEO DE PONTEVEDRA ACOLLE A MOSTRA ‘OS MUNDOS DE CARLOS CASARES’


A exposición, composta por 800 pezas, permite realizar un percorrido interpretativo pola faceta persoal, literaria e intelectual do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas

Poderá visitarse no claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra ata o 26 de novembro

“Esta exposición para o Museo de Pontevedra e para a Deputación supón participar das actividades de homenaxe ao autor ao que se lle dedican as Letras Galegas de xeito que teñan continuidade ao longo de todo o ano” sinalaba o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación da mostra ‘Os mundos de Carlos Casares’ esta mañá no Museo de Pontevedra. A exposición permanecerá no claustro do Edificio Sarmiento ata o 26 de novembro e continuará a súa itinerancia en Lugo e finalmente rematará en Xinzo de Limia, onde quedará de xeito permanente. Na presentación tamén estiveron presentes o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, a comisaria da mostra, Chus Martínez Domínguez, o comisario e secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o padroeiro da Fundación Carlos Casares e fillo do autor, Christian Casares Berg, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme da Silva.

A Deputación de Pontevedra é unha das institucións que colabora para facer posible esta exposición que, en palabras de Xosé Leal “ten un formato moi versátil que varía en función do espazo que a acolle”. Así, o sistema modular no que se asenta a proposta expositiva foi adaptada as condicións de espazo e de luz específicas do claustro do Edifico Sarmiento, un lugar do que a comisaria da mostra Chus Martínez asegurou que “estamos moi satisfeitos de que o Museo puxera á nosa disposición este claustro porque pensamos que o percorrido quedou realmente moi neste espazo”.

Sobre a importancia de que a mostra sexa exposta no Museo tamén se pronunciou a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme da Silva, asegurando que “é unha honra contar con esta exposición na cidade e que se poida visitar no Museo, que nestes últimos anos se caracteriza por ser un espazo moi vivo”. Da Silva tamén indicou, en relación á pegada do autor homenaxeado, que “foi unha persoa que influíu en moitísimos nenos e nenas para que se convertesen en lectores activos”, ao tempo que animou a todos os pontevedreses e pontevedresas “a que veñan ver a exposición e a que a vivan”. Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que “a mostra nos permite facer unha descuberta do Casares persoa, da súa faceta privada e do Casares como individuo, que é un aspecto menos coñecido do autor e penso que para moitas persoas vai ser unha descuberta”.

No nome da Fundación Carlos Casares, un dos seus fillos e padroeiro da mesma, Christian Casares afirmou que “a mostra que hoxe se vai abrir aquí é unha achega bastante transversal á figura do noso pai”. Explicou que se ben Carlos Casares sempre quixera ser escritor “tamén tivo outras facetas que se tiveron en conta, como a de xestor cultural, colaborador en prensa ou a súa faceta política”. Sobre o aspecto persoal de seu pai, Christian Casares indicou que “tamén hai outros mundos que tamén foron recollidos polos comisarios e que para nós teñen un sentido sentimental moi forte”.

Unha proposta participativa

“Queriamos plantexar unha exposición na que Carlos Casares fose un lugar ao que chegar” resumiu Chus Martínez. A comisaria explicou que as aproximadamente 800 pezas de diferente natureza que conforman a mostra, tales como manuscritos, libros, fotografías, audiovisuais ou obxectos persoais, foron concibidos como “ferramentas de interpretación para que o público complete as pílulas que lle ofrecemos, porque o que queremos é que o espectador sexa activo”. Martínez tamén explicou que “é un proxecto que evidentemente ten forma de retrospectiva, pero que quixemos que funcionase como un espazo, como un lugar no que poder experimentar e ver a relación que Carlos Casares tiña co mundo, co contexto cultural galego pero tamén co de fóra de Galicia”. Indicou, ademais, que “queriamos que a montaxe  fose especial e que conectase con todos os públicos, igual e que Carlos Casares conectou con todo tipo de persoas”.

A mostra está formada por paneis explicativos, materiais audiovisuais, obxectos persoais, imaxes inéditas e documentos históricos que lle permiten ao visitante facer un percorrido pola obra, a vida e o tempo do autor. Deste xeito proponse un achegamento ao universo vital e literario de Carlos Casares, a través dunha sucesión de cinco territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña… e O Redondel, que van explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e coas súas xentes. Compleméntase  con cinco audiovisuais creados especificamente para a mostra.

Deja un comentario