+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

BUEU CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA AS FESTAS PATRONAIS DE SAN MARTIÑO


O municipio de Bueu acollerá esta fin de semana as festas patronais na honra de San Martiño. Os festexos celébranse do entre venres o domingo (10-12 de novembro) e combinan a verbena co deporte e as actividades populares, cunha programación que será asumida polo Concello de Bueu, quen por segundo ano consecutivo toma as rendas desta festa coa colaboración da Asociación Bueu en Festas e da Deputación de Pontevedra. Unha festa que o goberno quere manter posto que se trata do patrón da vila e que conta cunha gran tradición popular, tal e como salientou o alcalde, Félix Juncal, durante a rolda de prensa de presentación dos festexos, na que estivo acompañado de Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e de Darío Campos, presidente da Asociación Bueu en Festas.

O venres ás 17.00 horas, celebrarase un magosto, organizado polas ANPA dos colexios de A Pedra, Virxe Milagrosa e Montemogos de Beluso. Pola noite, a partir das nove e media, a verbena estará amenizada polas orquestras Principal e D’Moda.

O sábado, a Banda de Música Artística de Bueu ofrecerá un pasarrúas pola mañá, e pola noite (a partir das 21 horas) as orquestras Brujas e Fania Blanco Show porán a música. E xa o domingo, o pasarrúas será a cargo da Charanga Imperiais, e no adro da igrexa actuará a agrupación Recordos da Nosa Terra.  A partir das 19.30,  Jerusalén e Distrito 7 pecharán a festa.

Hai que destacar que a verbena se celebrará nos Xardíns de Urbano Lugrís (Campo da Estacada), e as atraccións estarán dispoñibles no porto.

Tamén, entre o 11 e o 12 de novembro, poderase visitar no adro pequeno da igrexa, a XVIII Mostra de Fotos Antigas que como cada ano selecciona a Asociación Cultural Santos Reis e que ensinan a historia da vila a través de fotos do pobo e das súas xentes.

XXII Carreira Pedestre San Martiño

Os festexos tamén terán unha parte deportiva, coa celebración da XXII Carreira Pedestre San Martiño, que terá lugar o 12 de novembro.

A carreira, organizada polo Club de Atletismo Corredoiras e o Concello de Bueu, que será eminentemente urbana, e tomará a saída na Avda de Montero Ríos, á altura do Museo Massó a partir das 10 horas para as categorías inferiores (chupete, minibenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete). Xa ás 12 horas celebrarase a carreira de seis quilómetros na que poderán participar as persoas que o desexen, maiores de 16 anos que se atopen ben fisicamente e que gocen de boa saúde en xeral.

O prazo de inscrición remata este xoves, 9 de novembro, e faranse a través da web www.prueba-t.es cun custe de 6 € por participante para a categoría absoluta que inclúe o dorsal, bolsa de agasallos conmemorativos (para as 250 primeiras inscricións), froita e bebidas. Para as categorías inferiores, a inscrición xestionouse directamente dende os propios centros educativos. Segundo destaca o concelleiro de deportes, Manolo Otero, hai unha alta participación, como xa vén sendo habitual nesta proba que xa está inserida no calendario deportivo de toda a comunidade.

O día da proba, entregaranse medallas para todos os participantes na categoría chupetes, e no resto de categorías inferiores haberá trofeo para os tres primeiros clasificados. No caso da carreira absoluta, ademais de trofeos, repartiranse premios en metálico, tanto en masculino como en feminino: 75 € para o primeiro, 50 € para o segundo, e 25 para o terceiro. Dende a organización tamén adiantaron que se habilitarán duchas no pavillón.

Deja un comentario