+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

OS #RÍASBAIXASFESTS VOLVERON A “MOSTRAR MÚSCULO” NUN VERÁN ARROLLADOR CON MÁIS DE 260.000 ASISTENTES


Carmela Silva fixo balance na festa de peche en Meaño “Sabíamos que estabamos no camiño correcto. Os Festivais xa son un produto e unha marca propia para facer provincia”

A bodega “Paco e Lola” de  Meaño acolleu esta tarde o acto de peche e balance dos #RíasBaixasFests 2017, Festivais Rías Baixas 2017 8+1, nun acto ao que asistiron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada dos alcaldes e alcaldesas dos municipios onde se celebraron os eventos, así como as persoas promotoras, organizadoras e patrocinadoras de cada un dos oito máis un festivais que conforman a marca #RíasBaixasFests, isto é: Cultura Quente e PortAmérica (Caldas de Reis), Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Vive Nigrán (Nigrán), SinSal Son Estrella Galicia (a Illa de San Simón en Redondela), SonRías Baixas (Bueu), O Marisquiño (Vigo) e Revenidas (Vilagarcía de Arousa).

O acto de balance dos festivais serviu, en palabras da presidenta da Deputación, “para demostrar que estabamos no camiño correcto. Os #RíasBaixasFest xa son unha marca propia, un produto que se traduce nunha maior afluencia de visitantes e nunha enorme repercusión para a economía da provincia de Pontevedra”

No evento en Meaño estreouse o vídeo making dos #RiasBaixasFests2017 que pon de manifesto o “turismo experiencial” que o goberno provincial impulsou desde a súa chegada á Deputación de Pontevedra para potenciar a marca Rías Baixas como un “destino singular para sentir e vivir o territorio e todo o que este ofrece”

Os oito máis un “Festivais Rías Baixas” reuniron este verán na provincia a máis de 200.000 persoas, aumentando notablemente a súa asistencia respecto ás edicións anteriores. Amais, as ocupacións hoteleiras durante os días nos que se celebraron os eventos foron dun 100% practicamente en todas as ocasións. Por estes motivos, Carmela Silva salientou que “os RíasBaixasFests están a converter á provincia de pontevedra nun referente da industria musical e cultural da Península Ibérica e nun lugar de enorme atractivo turístico, achegando ás persoas visitantes novas ofertas de ocio e dinamizando a nosa economía”.

A Presidenta destacou que “o Plan Estratéxico de Turismo que estamos a piques de rematar pon de manifesto que os festivais musicais xa son unha das grandes liñas de actuación para Turismo Rías Baixas. Por iso a nosa aposta vai ir máis aló, non nos imos deter, imos a impulsar máis, se cabe, estes grandes eventos que proveñen de grandes ideas, de homes e mulleres que non dubidaron un intre, incluso asumindo riscos, en promover esta iniciativa que xa se está a converter nunha das grandes citas musicais da Península Ibérica”.

Silva tamén agradeceu a estreita colaboración dos concellos, “sen cuxa implicación, sen cuxa vontade e estreita colaboración sería imposible poder materializar este grande proxecto que encheu de luz, son, de música e bo ambiente a provincia de Pontevedra”. Ademais, a presidenta destacou que este ano, como novidade, decidimos incorporar aos festivais iniciativas en prol da igualdade mediante a campaña “Lembra, eu decido, ti respectas”, co obxectivo de previr e actuar contra as agresións sexuais categorizadas como “violacións en cita” e as producidas por submisión química. Durante os 23 días que duraron os festivais, instalouse un stand informativo dinamizado por catro axentes de igualdade que se encargaron de informar ás persoas que acudían aos festivais. En total, tal e como indicou Silva, “a campaña resultou un éxito xa que se atenderon a milleiros de persoas, homes e mulleres, e se repartiron máis de 20.000 folletos informativos, unha cantidade similar de pegatinas así como preto de 10.000 sombreiros co lema da campaña”.

Pola súa banda, os alcaldes e alcaldesas e representantes dos gobernos locais amosaron a súa satisfacción polo éxito desta iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra que permite achegar a riqueza turística das súas vilas a un gran número de persoas xerando un importante impacto na economía local.

A Deputación de Pontevedra impulsou, por vez primeira, o pasado ano a creación dunha marca para acoller sete dos principais festivais de verán da provincia de Pontevedra. Así, naceron os “RíasBaixasFests” reunindo sinerxías, respectando as identidades propias de cada un dos festivais, para construír unha oferta integrada de ocio e cultura moi vencellada á provincia de Pontevedra. Este ano 2017, aos sete festivais orixinais engadiuse o novo “Vive Nigrán” e outro evento máis en Cambados organizado con motivo da declaración da vila como “Cidade Europea do Viño”.

Deja un comentario