+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Novembro de 2017

PONTE CALDELAS RECIBE OUTRAS 70 TONELADAS DE FORRAXE SOLIDARIO DOADAS POR PRODUTORES DE LUGO E FERROL


Ás achegas da cooperativa Prolega e da asociación Agromuralla súmanse uns particulares da Pastoriza (Lugo)

O chamado do Concello de Ponte Caldelas para recibir doazóns de forraxe co que substituír o que se perdeu durante os incendios do pasado 15 de outubro está a ter unha resposta abraiante. Ao reparto das 63 toneladas realizado a semana pasada súmanse outras, aproximadamente 70 toneladas, que chegarán nos próximos días e que se entregarán nos próximos días.

As persoas interesadas en recibir alimento para os  seus animais deben dirixirse inmediatamente ao Concello para dar os seus datos identificativos, así como número de cabezas e tipo de gando, con vistas á organización do reparto. Dende o Concello chamarase persoalmente a todas as persoas para indicarlles o día e hora  en que deben presentarse, así como ao cantidade que lle corresponde.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) expresa o seu agradecemento á asociación de gandeiros de Lugo (Agromuralla) que volve enviar dous camións cargados cunhas 50 toneladas de herba verde asilada. Ao tempo, envía o seu recoñecemento á cooperativa leiteira Prolega, con base en Ferrol, que volve mandar un camión con outras 16 toneladas de herba seca en pacas e rolos.

A estes  dous doantes,  que repiten xesto de solidariedade con Ponte Caldelas, súmanse  uns particulares  de A Pastoriza (Lugo) que chamaron para anunciar o envío doutro camión con herba seca e asilada, en cantidade por concretar. En total haberá máis de 70 toneladas de alimento.

O alcalde, Andrés Díaz, adianta que o reparto volverá facerse  con criterios equitativos tendo en conta o número de  cabezas  de cada  quen e o tipo de gando. “Hai unha semana a xente marchou moi contenta porque viron que se fixo con total transparencia e desta volta será igual”. Engade que as necesidades son maiores en herba seca, pero a dispoñibilidade é maior en asilada, polo que toca adaptarse ao que hai.

O forraxe está a ser descargado nas inmediacións da Hípica Amazonas (A Insua) dadas  as facilidades de descarga e de custodia neste lugar.

O Concello fixo unha estimación da  existencia duns 30 gandeiros locais, cunhas 236 cabezas de gando, pero nos últimos días varias persoas presentáronse para engadirse á listaxe, polo que agora volve facerse o anuncio para que ninguén quede excluído.

Deja un comentario