+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA COMEZA MAÑÁ A PROMOCIÓN DE “CRUZANDO CAMIÑOS” NA II EDICIÓN DE “FAIR WAY”


Carmela Silva presentará este luns, no Palacio de Congresos compostelán e ante touroperadores, prensa especializada e institucións internacionais, todo o potencial turístico da provincia

 Un grupo de 20 xornalistas e touroperadores de Portugal, Reino Unido, Italia, Arxentina, Xapón e España, están a percorrer distintas localizacións das Rías Baixas polas que transcorren rutas cara Compostela

A Deputación de Pontevedra terá unha presenza activa na II Feira Internacional do Camiño de Santiago “Fair Way” que comezará mañá e se estenderá ata o 14 de novembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. O organismo provincial terá un papel activo no evento, xa que a presidenta da Deputación presentará todo o potencial que o Camiño ten na provincia de Pontevedra e situará no recinto feiral un stand institucional.

O luns, 13 de novembro, ás 11:45 horas, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentará “Cruzando Camiños”, a campaña promocional de Turismo Rías Baixas centrada en todo o potencial que o Camiño ten na provincia de Pontevedra así como nas singularidades turísticas das diferentes rutas que transcorren cara Compostela polas Rías Baixas. O día seguinte, o martes 14 de novembro, será a quenda do deputado provincial Carlos López Font quen participará na Mesa de Debate do Camiño  Portugués, a partir das 16:30 horas, para abordar os retos desta ruta desde o punto de vista da planificación, sinalización e promoción a escala autonómica, estatal e internacional.

Ademais, a Deputación de Pontevedra contará cun stand propio de promoción destes cinco percorridos oficiais que transcorren polo noso territorio: o Camiño Portugués, o Camiño Portugués pola Costa, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno e a do Río Ulla-Mar de Arousa. A través deste expositor, de carácter interactivo e situado a carón de lugares emblemáticos do Camiño como Asturias, Cantabria ou Viana do Castelo, amosarase dun xeito atractivo e innovador o potencial da provincia e, ademais, estará dispoñible para os concellos que queiran realizar encontros ou reunións no marco deste evento.

Coa súa participación na Feira Internacional do Camiño de Santiago “Fair Way”, a institución provincial busca colaborar co sector implicado no Camiño, tanto o privado como no eido das administracións, na labor de promoción e da dinamización turística do Camiño, a través deste abano de iniciativas que poñen a énfase tanto na imaxe institucional como nas accións promocionais que se desenvolven desde a Deputación de Pontevedra. En “Fair Way” participarán touroperadores estatais e internacionais, prensa especializada e institucións españolas e do norte de Portugal relacionadas co Camiño de Santiago.

Famtrip

 Estes días, un grupo de vinte xornalistas e toureperadores estranxeiros están a percorrer o destino Rías Baixas. Máis polo miúdo o grupo, integrado por persoas de Portugal, Reino Unido, Italia, Arxentina, Xapón e España, están a realizar pequenos percorridos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués pola Costa, coñecendo de primeira man o potencial cultural e turístico de ambas as dúas rutas.

Durante estes días, o grupo está a coñecer recursos turísticos como a Catedral de Tui, o Castelo de Soutomaior, bodegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, a cidade de Pontevedra, a vila termal de Caldas de Reis ou os xardíns da camelia do Pazo de Rubianes, entre outras localizacións. No Castelo de Soutomaior, o grupo foi recibido o pasado venres pola deputada provincial Chelo Besada quen aproveitou para darlles a coñecer a riqueza patrimonial e natural do recinto e todas as novidades que o novo goberno da Deputación incorporou e está a incorporar no Castelo.

 

Deja un comentario