+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Novembro de 2017

NAVA CASTRO SALIENTA A POSTA EN VALOR DOS RECURSOS MARÍTIMOS COMO CLAVE PARA CONSOLIDAR GALICIA COMO DESTINO SUSTENTABLE


A directora de Turismo impartiu hoxe unha conferencia nas xornadas náuticas ‘Ibernáutica’, que reúnen en Baiona a máis dun centenar de profesionais do sector

Afondou no papel que están a ter experiencias turísticas nas rías galegas que aproveitan a súa navegabilidade todo o ano ou mesmo nos parques naturais no crecemento turístico ordenado e planificado que se está a rexistrar na Comunidade

Recordou que o traballo levado a cabo ao abeiro da Estratexia de turismo de Galicia 2020, está a contribuír a diversificar e especializar a oferta turística galega

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe a importancia que a posta en valor dos recursos marítimos galegos está a ter na consolidación de Galicia como destino turístico sustentable. Así o expuxo durante a conferencia que impartiu en Baiona no marco das xornadas náuticas Ibernáutica, que reúnen na localidade pontevedresa a máis dun centenar de profesionais.

Como explicou, a posta en marcha dun modelo turístico sustentable en Galicia implica traballar na protección, conservación e posta en valor dos recursos endóxenos da Comunidade, como así se está a traballar ao abeiro da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego para os vindeiros anos na que se materializa a aposta por un turismo responsable. Unha estratexia que, dixo, demostra que a Comunidade galega inclúe medidas diversificar a demanda e especializar a oferta e que marca un modelo de xestión ordenando a planificado.

Neste sentido, e no eido destas xornadas náuticas, fixo mención especial ao aproveitamento turístico de recursos marítimos como claves para a desestacionalización do destino. “É este un dos segmentos turísticos que maior potencial de crecemento ten na nosa comunidade e por iso traballamos no seu impulso”, explicou. Neste sentido, están en marcha, por exemplo, experiencias turísticas como os Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia que permiten percorrer as rías galegas de xuño a novembro achegándose aos recursos galegos e que na que nestes meses participaron máis de 1.000 persoas.

Diversificación no Camiño de Santiago

Tamén se referiu ás experiencias turísticas postas en marcha nos parques naturais que están a favorecer o impulso socioeconómico sustentable dos espazos protexidos e puxo ao Camiño de Santiago como exemplo desta diversificación dos fluxos turísticos que se está a rexistrar en Galicia. De feito, o Camiño Francés concentra a día de hoxe o 60% dos peregrinos que chegan a Galicia, dez puntos menos que en 2013, hai só catro anos.

“Estamos conseguindo que, de xeito paralelo, o resto de rutas medre dunha maneira sostida e ordenada. Unha situación que non é casual, xa que demostra o traballo que levamos a cabo ao abeiro do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, aliñado coa nosa estratexia do turismo”, explicou Nava Castro recordando que a Xunta  continúa a traballar para seguir recibindo turistas que elixen Galicia como destino, apostando por iniciativas que contribúan á desestacionalización e por accións que leven consigo un incremento da rendibilidade das empresas turísticas, sempre baixo parámetros de sustentabilidade e responsabilidade.

Recordou que,  para acadar os obxectivos, desde Turismo de Galicia trabállase co sector e o resto do resto de administracións e xeodestinos ao abeiro da Estratexia que, cun orzamento de 240 millóns de euros, destina máis do 70% a aspectos relacionados co territorio.

Deja un comentario