+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Novembro de 2017

A ARTESANÍA SERÁ PROTAGONISTA EN PONTE CALDELAS DURANTE ESTE DOMINGO


O pavillón de deportes acolle unha segunda edición dunha feira que crece ata chegar aos 34 expositores e que ofrece obradoiros e sorteos

A segunda edición da Feira de Artesanía de Ponte Caldelas chega para animar o mes de novembro e ofrecer ao público unha ampla escolma de produtos feitos a man por artesáns chegados dende toda Galicia. Un total de 34 expositores estarán presentes nesta cita que se celebra este domingo, día 19, entre  as 11.00 e as 20.00 horas no pavillón municipal de Deportes.

A actividade foi presentada no Concello pola organizadora, Arantxa Esperón (“Arantxa das miñas mans”) e o alcalde, Andrés Díaz. O rexedor aplaudiu esta iniciativa que, subliñou, debe seguir crecendo e consolidándose ata acabar converténdose nunha cita obrigada do mes de novembro e cun oco propio dentro do apretado programa de dinamización social que Ponte Caldelas desenvolve ao longo de todo o ano.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) aplaude esta feira, que chega como produto da inquedanza da artesanía local e está a lograr conectar con artesáns de toda Galicia. Ata o punto que o número de expositores acada xa cifras comparables ás dunha feira de calquera cidade da contorna.

Arantxa Esperón comentou que os stands estarán ocupados por artesáns que repiten  e tamén por outros novos que manifestaron interese por vir a Ponte Caldelas. Nos seus postos será posible atopar todo tipo de produtos como artesanía en area de cores, roupa de lá, cristal,  madeira tallada ao pirogravado, cerámica esmaltada, marionetas e tamén produtos clásicos como bisutería ou traballos para nenos/as, entre outros moitos.

A novidade chega cun stand de briquetas de biomasa para calefaccións, un produto ecolóxico e que está a competir cos pellets dende hai algún tempo.

A asistencia á feira é completamente gratuíta e as persoas que adquiran algún produto recibirán un tiquet cun número para participar no sorteo dunha limpeza bucodental e unha cea para dous, gracias á colaboración de Clínica Dental e Mesón Nolito. Tamén haberá  degustacións gratuítas de chulas de cabaza e caldo de outono a cargo de A Tenda da Gata.

O outro gran atractivo da feira serán os obradoiros, que estarán enfocados cara aos máis  pequenos. Pero haberá tamén a  suxestiva novidade dun obradoiro de confección e reparación de cadeiras  de montar  a cabalo a cargo dunha artesá local. Un oficio case en desuso, que provén da marroquinería, pero que ten imoito interese en Ponte Caldelas dada a gran afección que hai á equitación.

Deja un comentario