+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A MOSTRA SOBRE A FIGURA DE MARÍA VINYALS ACADA PRETO DE 4.500 VISITANTES NUN MES


A mostra que recollía a obra resultante das bolsas “Novos Valores 2016” sitúase nunha cifra similar de visitas

A mostra “De María Vinyals a María Lluria”, que pechou onte as súas portas no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, acadou un total de 4.390 visitantes. Esta cifra corresponde a cinco semanas e media de exposición -fora inaugurada o 5 de outubro-, o que supón un marco temporal máis reducido do habitual nas exposicións temporais do Museo de Pontevedra, que soen abranguer arredor de oito semanas. Tamén no día de onte se clausuraba a exposición composta pola obra resultante das bolsas outorgadas aos catro gañadores e gañadoras do Certame Novos Valores 2016, inaugurada o 10 de outubro, e que acadou 4.037 visitas.

“De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social”, comisariada por Aurora Marco e Ángela Comesaña, permitía percorrer a vida e a traxectoria desta pontevedresa nacida en Soutomaior considerada como unha das precursoras galegas do feminismo. Así, a mostra incluía fotografías, cadros, manuscritos, libros e correspondencia que daban conta tanto da vida da propia María Vinyals como do tempo que lle tocou vivir, finais do século XIX e principios do XX. Hai que lembrar que esta exposición nacera froito dun importante labor de investigación levada a cabo por ambas comisarias, reunindo material procedente tanto dos fondos do Museo de Pontevedra como o Museo Sorolla, que facilitou placas de vidro, documentación e correspondencia, ou doutas institucións e organismos, que permitiron expoñer o único retrato orixinal de María Vinyals pintado por José Garnelo, unha reprodución do retrato feito por Joaquín Sorolla, ou o mosaico de azulexos do sanatorio que rexentaba co seu marido no Castelo de Soutomaior, cedido por Faro de Vigo

A exposición protagonizada polos gañadores e gañadoras do Certame Novos Valores 2016 xuntaba a obra de María Maqueira, formada por debuxo e colaxe; de Olmo Cuña, unha instalación titulada ‘Volantes’; de Diego Vites, que incluía pintura e audiovisual no seu proxecto ‘Historiografía Tigua’; e as esculturas en escaiola de Basilisa Fiestras.

Convén lembrar que o claustro do Edificio Sarmiento acolle neste momento a exposición temporal “Os mundos de Carlos Casares”, centrada no universo literario e persoal do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2017. Esta mostra, que foi inaugurada o pasado 8 de novembro, permanecerá no Museo de Pontevedra ata o 26 de novembro, para despois continuar a súa itinerancia por Lugo e Xinzo de Limia, lugar este último onde quedará exposta de forma permanente. O broche final na programación deste exercicio no Museo de Pontevedra corresponderá á obra do artista pontevedrés de marcada proxección internacional, Jorge Castillo, cunha mostra retrospectiva que se poderá visitar entre o 30 de novembro e o 28 de xaneiro de 2018.

Deja un comentario