+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

PRETO DE 250 PERSOAS MAIORES PARTICIPAN ESTA SEMANA NA MODALIDADE DIÚRNA DO PROGRAMA “DEPOTERMAL 2017”


Sumando as persoas participantes nas modalidades diúrna e con pernocta son un total de 515 persoas as que desfrutan esta semana do programa da Deputación

Ata o vindeiro venres, 237 persoas da provincia maiores de 50 anos están a desfrutar do programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal 2017” na súa modalidade diúrna, acudindo diariamente durante cinco días consecutivos. Este programa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, facilitando o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario.  Ademais, “DepoTermal” pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

“Depotermal” tamén promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve entre setembro e decembro e da que se benefician 4.000 maiores da provincia.

As 237 persoas da provincia maiores de 50 anos que esta semana están a participar en “Depotermal” están desfrutando do Balneario de Mondariz, do Balneario de Cuntis, do Eurostars Illa da Toxa e do Talaso Atlántico de Oia. Máis polo miúdo, ao Balneario de Mondariz están 100 persoas, concretamente 35 de Crecente, 28 de Redondela, 16 de Fornelos, 9 de Ponteareas, 4 de Pontevedra, 3 de Pazos de Borbén, 2 de Mondariz, 1 de Vigo, 1 de Chapela e 1 de Ponte Caldelas.

Pola súa banda, o Balneario de Cuntis recibe 33 persoas do concello de Vigo, 21 persoas de Pontevedra e 7 de Poio, e o Eurostars Illa da Toxa acolle a 25 persoas da Estrada, 19 de Forcarei e 1 de Pontevedra.

Por último, no Talaso Atlántico de Oia están a desfrutar 19 persoas de Salceda de Caselas, 5 de Nigrán, 3 do Porriño, 3 de Gondomar e 1 de Salvaterra.

Sumando as persoas participantes tanto na modalidade diúrna como na con pernocta son un total de 515 persoas maiores de 50 anos as que están desfrutando esta semana do programa “Depotermal 2017”.

Durante este mes, e no que queda de ano, 4.000 maiores de 48 concellos da provincia poderán gozar do programa “Depotermal” a través das súas dúas modalidades. Ao igual que na pasada edición ofértanse prazas gratuítas para persoas en situación ou risco de exclusión social e sen recursos económicos.

Deja un comentario