+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

NAVA CASTRO SALIENTA O INCREMENTO DE PEREGRINOS QUE ESTÁ A VIVIR O CAMIÑO PORTUGUÉS, QUE XA SUPÓN PRETO DO 20% DO TOTAL


A directora de Turismo de Galicia, acompañada do delegado da Xunta en Vigo, visitou hoxe o resultado do proxecto de sinalización ‘Mos, a rosa do Camiño’

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou hoxe o resultado do proxecto de sinalización Mos, a rosa do Camiño, desenvolvido neste concello da provincia de Pontevedra, arredor do Camiño Portugués, un itinerario que non deixa de gañar importancia año a ano e xa recibe preto do 20% do total de peregrinos.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mostrou as intervencións realizadas ao abeiro do acordo asinado entre o seu Concello e Turismo de Galicia. Grazas a el, peregrinos e visitantes en xeral teñen agora máis información e máis precisa sobre a ruta e os recursos dispoñibles.

Esta actuación permite pór en valor a marca Mos, a rosa do Camiño, que vincula dous dos recursos máis destacados desta localidade: a ruta xacobea e a Festa da Rosa, declarada de Interese Turístico de Galicia. O proxecto contén diferentes tipos de sinais, xa instaladas, como frechas de madeira, tótems de benvida e carteis-directorio planimétricos culturais.

Máis de 58.000 peregrinos percorreron este ano xa o Camiño Portugués, un 19,5% máis que no mesmo período de 2016. Este auxe consolídao como segunda ruta xacobea preferida polos camiñantes. Como parte do seu compromiso coa súa mellora e posta a punto para o Xacobeo 2021, o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago dedicará o próximo ano a este itinerario e ao Camiño Portugués da Costa, no que se realizarán diversas actuacións.

No marco da súa visita hoxe a Mos, Nava Castro aproveitou para reunirse cos membros da Mesa local do Camiño de Santiago co fin de intercambiar impresións ao respecto.

 

Deja un comentario