+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE MELLORA A SÚA APOSTA POLA REMODELACIÓN DAS INFRAESTRUTURAS DEPORTIVAS DE GALICIA CUN INCREMENTO DO 23% NA PARTIDA DESTINADA A ESTE CONCEPTO


Marta Míguez comproba a finalización das obras de reparación da cuberta do pavillón municipal de Soutomaior (Pontevedra) financiadas pola Xunta de Galicia cunha achega de 15.000 euros

A secretaria xeral para o Deporte,  Marta Míguez Telle, supervisou esta mañá o estado final do pavillón municipal de Soutomaior (Pontevedra) tras as obras levadas a cabo pola Xunta de Galicia a tenor do convenio de cooperación asinado co concello pontevedrés. A máxima responsable do deporte galego salientou a importancia da coordinación entre as diferentes institucións públicas para acadar un mapa de infraestruturas deportivas renovado e que cubra á perfección as necesidades da poboación galega.

Neste sentido, segundo o acordo asinado o pasado 18 de setembro, a Secretaría Xeral para o Deporte subvencionou a reparación da cuberta do pavillón municipal cunha achega de 15.000 euros.

Marta Míguez apuntou que a Xunta de Galicia continuará apostando pola remodelación das infraestruturas deportivas de Galicia para que todos os galegos e galegas “poidan ter acceso  a unhas instalacións renovadas e que isto redunde nun incremento da práctica deportiva e, por conseguinte, da saúde do noso pobo”. Cómpre sinalar que a Secretaría Xeral para o Deporte destinará no próximo 2018 unha contía de 2.983.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia, dos que 1.100.000 euros corresponden ao Capítulo 760 para as obras nas infraestruturas deportivas dos concellos de Galicia. O montante total destinado a obra propia e obras nas infraestruturas deportivas dos concellos aumenta un 23% con respecto ao destinado en 2017 (2.425.570 euros).

Deja un comentario