+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

O CONCELLO EXECUTA ACCIÓNS DE AFORRO ENERXÉTICO CO CAMBIO DE LUMINARIAS EN PEDRE, FIGUEROA E TOMONDE


Esta actuación permitirá a redución do consumo en máis dun 60% no alumeado público destas tres parroquias potenciando a iluminación

 Balseiros destaca a importancia deste investimento, “xa que mellora o alumeado, diminúe a contaminación e rebaixa a factura”

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de executar un importante paquete de accións de aforro enerxético co cambio de luminarias en Pedre, Figueroa e Tomonde grazas aos fondos procedentes do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2017, que ascenden globalmente a 120.000 euros e que corresponden co denominado canon eólico pola existencia de parques de renovables no territorio.

A iniciativa enerxética levada a cabo nas últimas semanas pretende mellorar o funcionamento e a  eficiencia  do  alumeado  público  en  Figueroa,  Pedre  e  Tomonde  ao  tempo  que  reduce  o consumo eléctrico municipal e a factura correspondente, dando así continuidade a un proxecto que pretende extenderse a todo o territorio. O investimento permitirá minguar os preto de

21.000 kilovatios que consumen os 42 puntos de luz destes núcleos ata pouco menos de 8.000, o que suporá unha diminución de algo máis do 62% no consumo.

Para elo, substituíronse as lámpadas por luminarias LED, que acadan un grao de eficiencia superior ao 50%, e adaptáronse os niveis de iluminación axeitados atendendo ás horas de sol. Deste xeito, agárdase conseguir un aforro de 178 horas anuais tras axustarse o funcionamento e a programación dos reloxios cun sistema de control de acendido. O proxecto contempla tamén a redución de emisións de  dióxido de carbono, unha  mellora no mantemento do servizo e a eliminación da contaminación lumínica, aínda que estes aspectos se comprobarán nos vindeiros meses tras a súa recente posta en funcionamento.

O vicepresidente municipal, José Balseiros, explicou que este proxecto “é moi completo e responde a moitos obxectivos do goberno local, xa que mellora a iluminación pública, diminúe a contaminación e reduce a factura eléctrica, o que nos permite ter máis fondos para outros servizos”. Ao respecto, sinalou que a intención do executivo pasa por seguir extendendo esta actuación a outros puntos do municipio.

Deja un comentario