+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

UNHA CARREIRA DE ORIENTACIÓN, TEMATIZADA COS INCENDIOS FORESTAIS, PECHA O PROGRAMA SOLIDARIO DE PONTE CALDELAS


A empresa Galaicaventura colabora co Concello cunha actividade para toda a familia que garantirá unha xornada completa de diversión

O último domingo de xaneiro, día 28, pechará o programa de actividades solidarias organizadas ou coparticipadas polo Concello de Ponte Caldelas. Será unha carreira de orientación non competitiva, dirixida especialmente á familia e ás persoas que queiran pasar unha xornada de diversión co aliciente engadido de estar colaborando cos  damnificados polos incendios.

A inscrición, cun custo de 5 euros (un prezo moi baixo para este tipo de actividades), debe facerse no sitio web de Galaicaventura ou,  se se prefire, directamente na URL http://www.galaicaventura.com/actividades/caldelas-aventura-6267.html. A carreira está pensada para facerse  en equipos de 4 persoas de todas as idades, sempre que en cada grupo haxa cando menos un adulto. Non obstante, admítese  tamén reservar o número de prazas que se  estime convinte, mesmo unha soa, porque a organización asignará a todos os participantes a un equipo.

O Goberno local caldelán, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, celebrou unha xuntanza co responsable de Galaicaventura, Agustín Rico, na que se comezaron a perfilar os detalles dun día para o deporte en familia. Todos os participantes estarán cubertos por un seguro e haberá persoal voluntario en lugares estratéxicos, así como nas estacións de actividades e balizas.

O alcalde, Andrés Díaz, xa confirmou a súa participación e nos próximos días manterá contactos con diversos colectivos que poden estar interesados en sumarse a un evento de carácter lúdico e que constitúe unha oferta moi atractiva para Ponte Caldelas. Non en van, destacou, este tipo de  eventos atraen a moita xente e chegan a ter custos  de inscrición moi elevados, por enriba dos 20 euros nos máis sinxelos, así que a cita caldelá ábrese como unha auténtica oportunidade.

Diante da complexidade da organización dun evento deste tipo, que precisa da montaxe  de estruturas e dun elevado número de voluntarios, a empresa Galaicaventura e o Concello colaborarán para achegar o voluntariado necesario. Ademais, a inscrición está limitada a un máximo de 260 persoas, é dicir 65 equipos, para garantir un paso fluído polas estacións de actividades.

A saída será ás 11 horas e a hora máxima de chegada será ás 16 horas, polo que haberá un total de cinco horas para completar as probas nas estacións de actividade e o percorrido obrigado polas balizas de selado, sen que conte o tempo investido. A organización subliña que non se trata  dunha proba competitiva. De feito, a primeira norma do regulamento é que está prohibido correr. As persoas participantes sairán cun plano no que figurarán as estacións, nas que completar as distintas probas de escalada, equilibrios, tirolina, tiro con arco, etcétera, sumando diferentes puntuacións, en función da  dificultade. Haberá tamén pasos obrigados por balizas, onde o premio é menor. Ao remate haberá unha clasificación, pero esta non dará dereito a premios, porque todos os que se entreguen serán sorteados entre as persoas inscritas.

Toda a carreira estará atendida por monitores de aventura especializados, apoiados por voluntarios, para garantir que todo o mundo goce a tope da experiencia. Ademais  estará tematizada cos incendios forestais, acentuando así o seu carácter solidario e exemplarizante a prol da preservación e defensa da natureza.

Deja un comentario