+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

PONTE CALDELAS CELEBROU O 25-N CUN ACTO QUE AGLUTINOU A TODO O ASOCIACIONISMO EN FEMININO DO MUNICIPIO


O Concello obsequia ás socias das tres asociacións de mulleres cun obradoiro gratuíto co título “Coidar e deixarme coidar”

A celebración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia exercida sobre as mulleres, tivo vocación de convivencia en Ponte Caldelas. O Concello organizou un acto no que deu o máximo protagonismo ás tres asociacións  femininas: Mulleres Rurais do Verdugo, Mulleres Rurais de Xustáns e Mulleres Rurais Aires del Norte y Olé que, por primeira vez,  celebraban un acto conxunto.

Durante o discurso inagural, o alcalde, Andrés Díaz, subliñou que o 25-N non é unha xornada de celebración “porque non hai nada que celebrar, tan só lembrar que queda moito camiño por diante”. Entre o público, que enchía a Casa da Cultura, había concelleiros do Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) e tamén da oposición, formada polo PP.

As representantes das  tres asociacións fixeron intervencións nas que intercambiaron música, poesía, lectura de textos reivindicativos ou simples alocucións sensibilizando da  necesidade de poñer fin á lacra da violencia  machista. Entre medias houbo actuacións do coro feminino de Santa Eulalia reforzado por un grupo de mozas.

As tres asociacións femininas de Ponte  Caldelas recibiron o agasallo institucional dun gravado pictórico en lámina personalizado. Ao remate, o alcalde anunciou a sorpresa  da organización dun obradoiro co título “Coidar e  deixarme coidar. Un camiño para o bo trato nas nosas  vidas”. O Concello asume os todos os gastos para que as socias podan recibilo gratuítamente. Estará impartido por Tareixa Ledo Regal,  socióloga e experta en terapia de  reencontro. Será o luns, 11 de decembro, na Casa  de  Cultura de Ponte  Caldelas, en horario de 16.30 a 20.30 horas.

Deja un comentario