+034 986 09 02 04 Martes 17 de Xullo de 2018

O MINICONGRESO #TERRITORIOFELICIDAD EN PONTE CALDELAS ESPERTA O INTERESE ENTRE PERSOAS DE TODA GALICIA


Está organizado por un mozo pontevedrés, que achegou gratuitamente bocadillos e bebidas aos voluntarios da operación “mulching”

Persoas de toda  Galicia están a chamar para interesarse  polo minicongreso de motivación persoal #TerritorioFelicidad, que se celebrará en Ponte Caldelas o próximo día 30 de novembro,  xoves, a beneficio dos  damnificados polos incendios do pasado 15 de outubro ás 19.30 horas. A iniciativa estará a cargo dos adestradores internacionais Juanma Quelle e Pedro Campos e constará de charlas inspiracionais, breves sesións de música basadas na percusión e, sobre todo, moi bo humor.

O minicongreso, cunha entrada de só 2 euros,  achegará toda a recadación á conta solidaria do Concello de Ponte Caldelas con Cáritas para axudar ás persoas que van quedar fóra da convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia. As inscricións poden facerse no supermercado A Ermida,  de Marcón, ou na propia Casa do Concello. As persoas interesadas poden tamén chamar ao teléfono 606231386.

O organizador do congreso é Kevin Lemos, un rapaz pontevedrés, que aproveitou os seus contactos nas Redes Sociais para dialogar cos  adestradores de #TerritorioFelicidad  e convencelos para que fixeran un oco para unha parada solidaria en Ponte Caldelas. Ambos imparten actividades de desenvolvemento persoal por toda España utilizando esta marca.

Kevin Lemos converteuse nunha persoa recoñecida en Ponte Caldelas ao doar gratuitamente bocadillos, froita e bebidas para os voluntarios que participaron nas sesións de mulching (acolchado con palla) nos montes queimados durante a vaga de lumes. Presentouse por tres ocasións para levar os alimentos, o que lle valeu un recoñecemento público por parte do Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG). O responsable do supermercado mesmo se presentou na última xornada de mulching, a pesar de que lle tiñan entrado a roubar no local esa mesma noite. Despois de atender á Policía e presentar a denuncia colleu o seu coche e levou os bocadillos, froita e bebidas para o voluntariado.

“O seu exemplo é hoxe un símbolo da solidariedade que se despertou con Ponte Caldelas”, destaca o alcalde, Andrés Díaz.

Non contento con iso, Kevin Lemos,  organizou pola súa conta esta nova actividade. O Concello unicamente colabora cedendo a Casa da Cultura, sen que custe un só euro as arcas municipais. En caso de que a matrícula supere as previsións, barállase trasladar o congreso a outra localización.

Deja un comentario